Quen son

Chámome Guido Álvarez Parga, son de Lugo, nacido en setembro de 1985 no barrio do Carme.

Son Guía Oficial de Turismo de Galicia dende o ano 2015, acreditado en 5 idiomas (inglés, francés, italiano, castelán e galego), e antes de ser guía vivín moitas outras experiencias no mundo do Turismo (dende que comecei a carreira, na Coruña, no ano 2004). Colaboro con frecuencia nos xornais Galicia Confidencial, Lugo Xornal, La Voz de Galicia e Nós Diario. Dende setembro do 2020 colaboro na UNED (Universidad Nacional de Educación a Distancia) impartindo cursos e actividades ó aire libre.

Complementei os meus estudos cun ano como estudante Erasmus na Università degli Studi di Teramo (Abruzzo, Italia), un posgrao (Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas) na Universidade de Santiago de Compostela, e cun máster europeo (Xestión de Paisaxes Culturais) nas universidades Jean Monnet (Saint-Étienne, Francia), Federico II (Napoli, Italia) e Stuttgart.

Dende o 2006 vivín diversas experiencias profesionais: guía acompañante, informador turístico, técnico en observatorios turísticos, consultor, community manager, axente de viaxes, enquisador, doutorando, recepcionista, guía de museo, promotor, coordinador de produto, colaborador en medios de comunicación…

Ese ano 2015 no que me habilitei como guía, foi tamén o ano no que regresei a Lugo tras 11 anos fóra da miña cidade e 4 deles no estranxeiro (Italia, Inglaterra, Francia e Alemaña).

Ata o 2019 pasei 4 anos traballando en dúas axencias de viaxes lucenses, e nunha empresa de actividades turísticas. Nese tempo traballei moito organizando excursións e viaxes polo mundo, por Galicia, e sobre todo pola provincia de Lugo. Paralelamente fun desenvolvendo (grazas ás redes sociais) unha comunidade de persoas, de Lugo e do mundo, coa que semana a semana quedabamos para pasear, para ir a tomar unhas tapas ou para ir a concertos.

Toda esta acumulación de experiencias, e o ánimo de moitas persoas a que o fixese, concluíu en que en agosto do 2019 decidín dar o paso e independizarme profesionalmente por primeira vez na miña vida. Aí naceu o proxecto Guido Guía! E dende entón aquí estamos, semana a semana, organizando paseos, visitas, excursións e viaxes.