Guido Guía

Guido Guía é un proxecto turístico que é culminación de moitos anos de vida adulta adicados ó mundo das viaxes, da cultura e do turismo en xeral. Despois de formarme na Diplomatura de Turismo (UDC e UniTe), no Máster de Planificación Turística (USC), no Máster Europeo Maclands en Paisaxes Culturais (Universidades Jean Monnet, Federico II e Stuttgart), e de vivir numerosas experiencias profesionais no sector (como informador turístico, consultor, community manager, técnico en observatorios, axente de viaxes, enquisador, guía acompañante, promotor, doutorando, recepcionista, coordinador de produto, guía de museo, guía oficial e un longo etcétera) decidín no mes de agosto do 2019 comezar a miña primeira andaina como profesional independente.

Catro anos en Santiago, tres na Coruña, catro no estranxeiro (entre Francia, Italia, Alemaña e Inglaterra) sumaron algo máis dunha década de experimentacións profesionais fóra da miña terra lucense. No 2015 regresei, vencellándome a diversos proxectos turísticos e traballando case catro anos seguidos en distintas axencias e empresas do sector. Unha etapa coincidente ca miña habilitación como Guía Oficial de Turismo de Galicia (acreditado en idiomas inglés, francés, italiano, galego e castelán) en maio do 2015.

Despois de catro anos guiando por Lugo, por Galiza e polo mundo, foi un bo momento para dar este paso. Agárdovos neste recuncho atlántico ca mellor enerxía e con todo o corazón posto no ánimo de compartir con todos os terrícolas esta terra marabillosa… ata pronto!