A Galiza do FEVE

Artigo publicado no Nós Diario o 11 de decembro do 2021

O castro de Fazouro, en Foz, a 300 metros dunha das paradas do FEVE

Falar de FEVE é falar de necesidade de reivindicación, pois é unha liña cun enorme potencial pero que nunca acaba de ser aproveitado… pero falar de FEVE é tamén falar dunha das experiencias turísticas galegas máis incribles, románticas, e sen embargo máis descoñecidas para a gran maioría de veciños do país.

Como sucede con moitos outros lugares e realidades, unha reivindicación de mellora non significa que un lugar non teña xa de por si unha maxia e un encanto moi desfrutable no presente.  Ogallá -aínda que hai moito que batallar- pronto poidamos gozar dun mellor servizo nesta liña de ferrocarril que é unha das máis fermosas do mundo… pero mentres iso non sucede, vale a pena desfrutar da vivencia posible hoxe… e de paso axudar con números -iso que tanto se mira como escusa, mentres todos sabemos que o uso dun servizo só medra cando sube a calidade- a que este tema se tome en serio.

Para os que non vivan nas zonas por onde pasa, basta con desprazarse ata calquera punto da liña entre Ferrol e Ribadeo, e coller un ticket para calquera lado. Non importa onde comecemos e onde rematemos, calquera zona, calquera distancia, valerá a pena. Temos a referencia de prezo Ferrol-Ribadeo por 11,15 € sen descontos, e de aí todo é para abaixo.

Ferrol, San Xoán, Virxe do Mar, Santa Icía, O Alto do Castiñeiro, Piñeiros, O Ponto, Xuvia, Ferreiras, Sedes, Pedroso, San Sadurniño, Lamas, Apalla, Moeche, Labacengos, Entrambarrias, Cerdido, A Cuqueira, Santa María de Mera, Ponte de Mera, San Clodio, Senra, Ortigueira, Espasante, Loiba, O Barqueiro, O Vicedo, Mosende, Folgueiro, Covas, Viveiro, Xuances, Xove, Lago, Bidueiros, San Cibrao, Madeiro, Burela, Cangas de Foz, Nois, Fazouro, Marzán, Foz, Barreiros, Reinante, Esteiro, Os Castros, Rinlo, Ribadeo… por sorte, sobran as palabras. 

A %d blogueros les gusta esto: