Sempre Negueira, Negueira sempre

Artigo publicado no Nós Diario o 13 de novembro do 2021

Hai sitios no mundo que teñen unha enerxía especial difícil de explicar. Un deses lugares é Negueira de Muñiz, nas Terras de Burón

Sendeiros e contorna natural do río Navia (Foto: Guido Álvarez Parga)

A primeira vez que escoitei  falar de Negueira de Muñiz foi, seguramente como para moitos, por conta dos movementos comunitarios xurdidos neste pequeno e fermoso concello galego nos anos 70. Durante moito tempo no meu mozo maxín existía un fermoso mito que finalmente non distou tanto da realidade que atopei cando comecei a descubrir Negueira a fondo hai uns poucos anos.

A PRIMEIRA VISITA COA ADN NO 2017

Coincidindo co meu regreso a Lugo tras once anos lonxe da miña cidade, e tamén co inicio desta actual etapa da miña vida como guía oficial de Turismo da Galiza, coñecín a Luis de Río (da Asociación para o Desenvolvemento de Negueira ADN) a través das redes sociais. Daquelas propuxérame organizar unha excursión a Negueira co gallo da I Xornada da Castaña celebrada en outubro do 2017, e fora un verdadeiro éxito.

Visitáramos primeiro na Fonsagrada a seimeira de Vilagocende (unha das dúas fervenzas máis altas da Galiza) e o mirador da Fornaza. Despois, a pequena e curiosísima localidade eonaviega de Riodeporcos, no municipio de Ibias. Un pobo con menos de dez habitantes que chama a atención polos seus accesos… éntrase por unha ponte colgante de madeira!

Ponte colgante de Riodeporcos (Foto: Guido Álvarez Parga)

Gozáramos dunha churrascada popular, e logo acompañáronnos nun gran paseo por toda a contorna de Negueira, no que nos marabillamos cos seus viñedos, o seu río Navia, os seus pobos mergullados, e o enorme anecdotario deste municipio: o menos poboado da Galiza, o único da provincia de Lugo que creceu nos dous últimos censos, o famoso asentamento hippie…

Rematáramos a tarde gozando dun gran magosto con queimada, foliada, cervexa artesanal, xogos tradicionais, zume de mazá gratuíto… unha festa 100% galega clausurando un día formidable.

I Xornada da Castaña, en outubro do 2017 (Foto: Guido Álvarez Parga)

A ÚLTIMA VISITA COA ASOCIACIÓN CORRIPA NO 2021

Tres anos despois, no pandémico 2020, grazas á iniciativa Coidemos Lugo, coñecemos a outro grande destas terras: o apicultor e activista ambiental Alberto Uría, da Asociación Corripa. Foi este último o que nos convidou a visitalos este mes pasado a el, aos seus proxectos, e aos seus colaboradores.

Alberto Uría, ecomuseo El País del Abeyeiro (Foto: Guido Álvarez Parga)

Foi así como, ademais de gozar de bos paseos pola contorna con el, descubrimos un proxecto moi interesante de traballo en rede entre algúns emprendedores dun concello habitado por pouco máis de 200 habitantes: Negueira de Muñiz cos 5 sentidos. Unha unión de forzas para promocionarse, para darse a coñecer, e incluso para ofrecer incentivos cun cupón de selos para as persoas que pasen por varios dos establecementos:

Ecomuseo El País del Abeyeiro: un espazo adicado aos polinizadores silvestres, á apicultura tradicional e do mel, dirixido a recuperar a cultura ligada ás abellas e á paisaxe na que viven. Pódese coñecer o proceso de elaboración do mel Outurelos -que ven de recibir o premio ao segundo mellor mel do estado no certame Mieladictos 2021-, mercar o que producen as súas abellas, realizar unha ruta ou visita guiada, ou facer unha cata comentada de meles.

Panadaría Lento: un obradoiro de panadaría e repostería artesanal. Elaboran os seus produtos sen présa, co cariño e a atención que merecen. Por iso utilizan masa nai, largas fermantacións, e ingredientes ecolóxicos para poder ofrecer o mellor pan e respostería posibles.

Casa Sara: galardoada por facer o mellor guiso de xabaril, este local típico é un restaurante que deleita paladares con pratos tradicionais.

Alto da Cruz, nas alturas de Negueira (Foto: Guido Álvarez Parga)

Adega-restaurante Casa Sidrón: o tempo detese entre viñas centenarias cultivadas respectuosamente co medio ambiente, variedades autóctonas e únicas (lexítima, sorodo, verdello), comida caseira con produtos de proximidade, viños exclusivos, froito todo elo do esforzo diario da familia propietaria. Fan comidas por encargo e visitas á adega con reserva previa.

Casa Vizcaín: unha casa de turismo rural cunha decoración moi coidada en cada estancia, con todas as comodidades necesarias, aparcamento, accesible para persoas con discapacidade, bar, patio… formada por cinco habitacións dobres con baño e opción de comer, cear e almorzar.

A vila somerxida de Barcela, en Negueira (Foto: Guido Álvarez Parga)

Escanlar albergue rural: ubicado na montaña, nunha contorna privilexiada por pertencer a unha zona natural protexida. Un lugar acolledor onde descansar, aventurarse e desfrutar de boa compañía e cultura popular. Vistas panorámicas, sendeirismo, montañismo, fervenza e pozas naturais, observación de estrelas sen contaminación lumínica e moito máis.

Adega Panchín: viños atlánticos de boa maduración, cunha acidez extraordinaria, boa intensidade colorante, lograda estrutura e moi aromáticos, forman a produción limitada da súa adega procedente da uva das súas propias viñas nunha contorna cun microclima moi especial.

Ribeiregas “o sabor da natureza”: horta e froita en ecolóxico e conservas naturais. Ofrecen unha cata de saborosos zumes naturais acompañados dunha visita ao pobo de Ernes, que ten un gran valor cultural e patrimonial. É posible visitar a súa horta e desfrutar da súa diversidade.

A %d blogueros les gusta esto: