Queixo crema e innovación universitaria lucense

Artigo publicado no Nós Diario o 13 de novembro do 2021

O pasado 27 de outubro recibín o convite para ir, en calidade de colaborador do Nós Diario, a unha visita á fábrica de Quescrem (en Castro Ribeiras de Lea) e un posterior menú degustación dos seus produtos no restaurante España de Lugo. Ambas experiencias fantásticas.

Coñezo Quescrem dende hai moitos anos, especialmente polos seus estudantes internacionais en prácticas que veñen habitualmente aos meus paseos e actividades, pero tamén por bastantes amigos e coñecidos lucenses da miña xeración (nacidos nos anos 80) que traballan dende hai anos nesta cada vez máis famosa empresa chairega.

Despois de visitala agora por primeira vez, a miña boa impresión afianzouse… e moito.  Semella un bo camiño, un bo exemplo, de emprendemento galego. Unha empresa que naceu no seo do Campus Terra lucense, esa marca de universidade pública tan nosa (que orgullo identificar internacionalmente a Lugo con Terra e que non pareza marketing senón realidade) e que tan importante é para o movemento e o dinamismo na cidade e na provincia.

Quince anos de historia ten Quescrem, naceu no ano 2006 como spin-off dun proxecto de investigación no campus, e neste tempo pasou nada menos que de 2 a 72 persoas empregadas. Traballan con leite e nata de granxas nun radio de 20 quilómetros arredor da súa planta e demostran uns resultados de primeira en canto aos produtos que comercializan.

A mellor proba, que cociñeiros tan reputados como Héctor López aposten por eles… e que teñan grandes embaixadores por todo o mundo. Persoalmente emocioneime degustando delicias tan impresionantes como a crema de boletus e trufa, mascarpone Quescrem e xema, e lembrándome dos bos amigos Joao, Aitor, Miguel, Ana, Marcos… hai futuro na nosa terra.

A %d blogueros les gusta esto: