Escapadas lucenses: a Suíza e Italia por 55 euros

Artigo escrito para o Lugo Xornal e Galicia Confidencial o 10 de novembro do 2021

Volveron as viaxes internacionais e aproveitamos a oportunidade de descubrir un novo estado (Suíza) e de regresar ao primeiro do estranxeiro no que vivín: a bella Italia

O lago de Lugano (Foto: Guido Álvarez Parga)

Despois de 20 meses sen saír do país, había ganas de volver coller a mochila e descubrir terras descoñecidas. O pasado 31 de outubro fixen o petate rumbo á galeguísima Suíza (cantos dos nosos emigrantes no século XX remataron alí?) e aproveitei a oportunidade de pasar a saudar aos fratelli italiani.

Confederación Helvética é un lugar común sobre o que toda a vida escoitamos moitas curiosidades, anécdotas, peculiaridades… pero despois de visitalo atrévome a dicir que non basta, que Suíza é un país dos que hai que visitar algunha vez na vida.

O lago de Lugano (Foto: Guido Álvarez Parga)

O VOO DENDE SANTIAGO

Teño eu a tendencia a aproveitar todos os voos de baixo custo que temos dende Galiza, e Bergamo dende hai moitos anos é un deses lugares recorrentes. Fun por primeira vez no 2011, regresei no 2017, e tocou a terceira no 2021: 55 € ida e volta dende o Rosalía de Castro e cuns horarios moi aceptables.

LUCERNA, MONTE PILATUS, ZÜRICH E LUGANO

Lucerna, o Monte PilatusZürich e Lugano foron os meus lugares escollidos para visitar Suíza por vez primeira. Pasei as 4 noites en Lucerna e foi un grandísimo acerto: lugar xeográficamente estratéxico para visitar o país, unha das cidades (algúns din que a número un) máis turísticas de Suíza, e sen lugar a dúbidas un sitio precioso cunha contorna natural formidable. Hospedeime concretamente a 30 metros do Lago dos 4 Cantóns (que agora son 5) e o hostel onde o fixen é altamente recomendable: Backpackers Lucerne! Un emprendemento de dúas mellores amigas, superviaxeiras, que desenvolven un proxecto moi agradable e humano. Dato: 32 € por noite! Que para ser Suíza non está nada pero que nada mal.

O León Ferido de Lucerna (Foto: Guido Álvarez Parga)

Vale a pena en Lucerna pasear polo seu centro histórico, pola contorna do lago, e non perderse dúas visitas obrigadas: a do León ferido de Lucerna (escultura labrada entre 1819 e 1821 polo escultor danés Bertel Thorvaldsen sobre unha parede de roca para conmemorar a morte duns 760 mercenarios da Garda Suíza durante a Revolución francesa en París) e a do Kapellbrücke, a ponte de madeira máis antiga de Europa (construída no século XIV) e a segunda máis longa. Comer é custoso en Suíza (non vin ningún café por menos de 4 €) pero é posible atopar establecementos agradables como Pastillo onde degustar rica pasta a partir de 7 €.

Kapellbrücke, a ponte de madeira máis antiga de Europa (Foto: Guido Álvarez Parga)

A visita ao Monte Pilatus foi para min o momento estrela da viaxe, experimentando a subida no tren con máis pendente do mundo (48%) que é ademais unha ruta ferroviaria histórica (inaugurouse no 1889!). Con moita neve, o paseo polas alturas suízas foi algo verdadeiramente memorable.

O Monte Pilatus, nos Prealpes suizos (Foto: Guido Álvarez Parga)

O meu paso por Zürich foi totalmente express, pero suficiente para valorar a que din que é unha das cidades con mellor calidade de vida do mundo. Ubicada nun punto xeográficamente estratéxico, a Turicum romana, punto político e comercial moi importante dende a Idade Media, é hoxe un dos centros financieiros e económicos máis importantes do mundo. Multicultural, creativa e cunha gran contorna natural, é hoxe a gran urbe suíza.

Estampas outinais en Zürich (Foto: Guido Álvarez Parga)

Lugano é un amor a primeira vista. Capital do Tesino (a Suíza Italiana) comparte con Lugo orixe etimolóxica (a mesma dúbida entre o vocablo latino Lucus e o deus celta Lug) e tamén a mesma gran beleza natural. Esta cidade que mestura un aire mediterráneo cunha identidade centroeuropea é o terceiro centro financieiro de Suíza sen renunciar por elo a un encanto propio dunha pequena cidade. Casco histórico peonil, arquitectura lombarda, montañas panorámicas e un fermosísimo lago marcan a primeira vista a outro dos grandes centros turísticos do país.

Estampas outinais en Zürich (Foto: Guido Álvarez Parga)

BERGAMO, BRESCIA E O LAGO D´ISEO

Terceira visita a estes tres lugares que ao principio eran sempre para min de paso ou froito da casualidade, pero aos que canto máis coñezo máis cariño e admiración lles teño.

Panorama nocturno dende a cidade alta de Bergamo (Foto: Guido Álvarez Parga)

Bergamo, unha cidade italiana á que dende Lugo se chega case máis rápido que a Tui, é un formidable lugar ao que acudir para refrescar a mente. Unha cidade con gran carácter medieval, con fermosos panoramas e paisaxes dende a cidade alta, é tamén un interesante berce gastronómico do que gozar en cada visita.

O Capitolium bresciano, do século I d.C. (Foto: Guido Álvarez Parga)

Brescia e o lago d´Iseo tampouco defraudan: a segunda cidade da Lombardía en tamaño, antiga cidade gala, ten un importante patrimonio arqueolóxico así como un centro histórico de notable valor arquitectónico. O lago d´Iseo e en xeral a natureza son outros grandes atractivos desta provincia que crece turísticamente nun país tan completo como o é Italia. En definitiva, unha terra que os azares da economía e da xeopolítica (ninguén pode negar esas influencias nas escollas das liñas aéreas) achegan cada vez máis a Galiza… e nós contentos da confraternización! A molto presto, auf wiedersehen, à très bientôt!

O lago d´Iseo e os Alpes dende Santa Maria del Giogo (Foto: Guido Álvarez Parga)
A %d blogueros les gusta esto: