O Carme saca á luz a súa beleza

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 11 de agosto do 2021

O barrio loce máis tralo arranxo da Vía Romana XIX e o Camiño Primitivo

Numerosos participantes acudiron á visita guiada ao Carme ALBERTO LÓPEZ

O barrio do Carme loce máis limpo, coidado e bonito ao paso da Vía Romana XIX e o Camiño Primitivo. As dúas rutas históricas que discorren pola zona sufriron un lavado de cara no que o goberno de Lara Méndez investiu algo máis de 200.000 euros.

Un intenso traballo de roza e unha limpeza a conciencia dos balados sacou á luz toda a beleza dos dous camiños que cruzan a valgada. Dúas vías que se recuperaron e puxeron en valor coa mellora dos pavimentos, a canalización de regatos que durante o inverno as convertían en impracticables e a colocación dunha rede de alumeado a poucos centímetros do chan que engade certa maxia aos trazados, ademais de convertelos en máis practicables.

A colocación de varandas de madeira en puntos estratéxicos tamén outorga unha imaxe máis coidada á zona, na que se revestiron as escaleiras que comunican a Rolda do Carme co remate da Vía XIX. Recolocáronse bloques pétreos e colocáronse paneis indicadores que permiten ao visitante saber algo máis da vía pola que discorre. Unha vía que onte máis dun cento de veciños coñeceron máis a fondo grazas ás explicacións do guía Guido Álvarez, encargado de dirixir a visita que o goberno local organizou para celebrar o remate das obras.

Foi un percorrido no que, ademais de historia, abordouse o traballo infatigable que moitos dos donos das hortas do barrio fan coidando as parcelas e insuflándolle vida a unha zona situada no corazón de Lugo.

Dalgún xeito, O Carme é unha reserva da esencia da cidade,na que se conserva a pegada da antiga vía romana que comunicaba Lucus Augusti coa actual Braga, e tamén o camiño peregrino que centurias despois seguen a percorrer milleiros de persoas.

A valgada, tralas melloras, está máis vistosa, pero aínda ten marxe de mellora, posto que quedan fincas privadas cheas de maleza que impiden que a zona brille con todo o seu esplendor. O día que estas estean aqueladas, O Carme rivalizará por ser o barrio máis bonito de Lugo.

Escoitando paxaros e galiñas a 200 metros da Muralla

Os balos pétreos que limitan os camiños no barrio do Carme, agora máis á vista grazas á limpeza, convidan a somerxerse nun espazo único no medio da cidade. Porque a só un paso dos edificios, pode oír o cacarexar das galiñas nunha zona na que se conservan hortas e prados. No medio de Lugo.

Na visita que se organizou onte para celebrar a fin dos traballos, e que concluíu cunha merenda, os participantes fixeron o exercicio de pechar os ollos e escoitar, e máis dun sorprendeuse ante o son dos paxaros e a natureza a 200 metros da Muralla.