“Todos os meus proxectos persoais parten dende a base dos sentimentos”

Entrevista no diario El Progreso de Lugo o 11 de xullo do 2021

Guido Álvarez será un dos distinguidos este ano co premio Lucenses do Ano 2020, que cada ano otorga el diario El Progreso

Guido Álvarez Parga posa no parque de Rosalía de Castro, un dos seus recunchos predilectos da cidade de Lugo. SEBAS SENANDE

Alberto Teijeiro Aldariz

Que sente tras ser uns dos galardoados co premio Lucenses do Ano 2020?

Representa para min unha emoción moi grande, porque o meu enfoque vital e profesional sempre foi lucense. Teño un sentimento de identidade lucense moi grande, entón penso que poucos recoñecementos me poderían facer máis ilusión que este. Lucense é unha palabra coa que me identifico totalmente, polo que todo encaixa nese senso.

Na súa opinión, cales foron os parámetros que marcaron a súa selección como Lucense do Ano?

Se miras a miña traxectoria vital e profesional, a pesares de estar 11 anos lonxe de Lugo, sempre mirei cara Lugo. Especialmente desde que volvín no 2015, traballo con e por Lugo o cen por cen como profesional do turismo. Apostei de xeito moi forte e decidido por Lugo, cando pola miña profesión podía abrirme a Galicia, pero decidín voluntariamente enfocarme cara Lugo, porque sempre tiven gañas de aportar e sumar para que a provincia creza e mellore na miña área de influencia patrimonial, cultural, ambiental e sentimental. Todos os meus proxectos parten desde os sentimentos e traballo bastante a psicoloxía neles.

Por que decidiu encamiñar a súa traxectoria profesional integramente ao turismo? 

Estudei o bacharelato de Ciencias, pero dinme conta de que non quería adicar a miña vida a ese eido. Entón, en segundo de bacharelato descubrín a carreira de Turismo. Desde cativiño fun consciente do gran potencial de Lugo e quería axudar a poñer en valor a miña provincia. En realidade, case estudei Turismo pola miña cidade, e tamén sempre me gustou viaxar, os idiomas, que se me dan bastante ben… Todas estas aptitudes eran axeitadas para esta profesión. Foi un acerto elixir este oficio. Un acerto inesperado, e así levo os derradeiros 18 anos da miña vida.

”Ser Lucense do Ano 2020 é para min unha emoción moi grande. Poucos premios me poen facer máis ilusión que este”, sinala

Como persoa proactiva e un dos animadores culturais máis notables de Lugo, cales son os seus próximos proxectos profesionais? 

O proxecto fundamental é Guido Guía, como proxecto turístico e comunitario, porque fago moitas cousas coa comunidade local. Vai ser o centro da miña vida profesional durante moitos anos máis. ‘Os paseos polo Lugo menos coñecido’ tiveron moito éxito e foi unha sorpresa que as institucións contasen comigo. Grazas a esta actividade puxéronse en contacto comigo moitos concellos para que fixera o proxecto ‘Xornadas viaxeiras descubrindo Lugo’ noutras poboacións da provincia. A posibilidade que me abriron o ano pasado como profesor titor na Uned de Lugo, foi marabilloso, porque quero abrir o meu proxecto para, dalgún xeito, arrastrar a máis profesionais para que se animen co turismo e co desenvolvemento deste sector en Lugo. A Uned foi un agasallo, porque é una institución que me permite complementar e desenvolver unha tarefa formativa.

Cal foi o motivo que o levou a deixar Lugo durante 11 anos?

Tivo moito que ver ser fillo e neto de persoas emigrantes. Tres dos meus avós migraron á Arxentina. Meu pai naceu alí e logo foi un dos emigrantes retornados. Sempre me gustou viaxar. Deste xeito, aos 18 anos collín o meu primeiro interraíl, que repetín ata en tres ocasións, e a logo marchei de Lugo a facer un Erasmus a Téramo, en Italia, un pobo moi semellante a Lugo. O ano seguinte concedéronme unha beca Leonardo, e traballei catro meses no museo de Benjamin Franklyn en Londres. Logo estiven traballando 3 anos no Cetur, en Santiago, como coordinador dos observatorios turísticos de Santiago e Lugo. Seguín a miña viaxe cun máster en Xestión de Paisaxes Culturais da Universidade Jean Monnet de Saint-Etienne. En total foron case dous anos e medio de estancia en Francia, Italia e Alemania. 

”Tódas as administracións deberían traballar máis unidas para defender o turismo de Lugo”, apunta

Vostede é un gran defensor do patrimonio histórico, cultural e medioambiental da provincia de Lugo. Cree que os lucenses son conscientes do patrimonio que teñen a carón da casa?

Defintivamente, creo que non somos conscientes de vivir nun espazo tan rico. Pero tamén estou seguro de que o turismo de proximidades vaise manter como tendencia como fixo tralo confinamento, A pandemia acelerou o proceso de darnos conta do importante que é a nosa contorna e valorala. Gustaríame que os meus veciños se decataran do verdadeiro patrimonio que nos rodea, dos lugares naturais e sobre todo nun lugar como Lugo, que ten unha riqueza natural da que non nos damos conta os lucenses. Cando viaxamos a outras provincias ou países, percatámonos da sorte de vivir nun espazo tan rico en natureza, en saúde e en osíxeno, sobre todo. Temos que apostar porque Lugo creza como cidade turística, por todos os valores que posúe. A gran materia pendente de Lugo é que non valoramos nin nunha décima parte do que merece o patrimonio arqueolóxico. O potencial da provincia é moito maior do que se expón. Creo que todas as administracións deberían traballar máis unidas para defender o turismo de Lugo, sobre todo na mellora das infraestruturas, que é un hándicap enorme para Lugo.