O Centrad pón en marcha roteiros para dar a coñecer os recursos culturais e naturais das comarcas a través da artesanía

Artigo na web da Deputación de Lugo

Vinte obradoiros participan no programa  “Lugo é artesanía”, que pretende abrir novas vías para complementer as rendas dos profesionais do sector e visibilizar a artesanía

O 5 de xullo abre o prazo para inscribirese e participar destas visitas, que se celebrarán nos meses de xullo, agosto e setembro

Centro de Artesanía e Deseño bota a andar o programa “Lugo é Artesanía”,  con visitas a unha vintena de obradoiros das distintas comarcas durante os meses de xullo, agosto e setembro.

As visitas guiadas ofrécense en dous formatos, baixo o epígrafe, Xornadas Viaxeiras, no que as persoas asistentes se achegarán,  nun mesmo día, a diferentes obradoiros dentro de cada comarca para afondar na relación que cada oficio garda coas características físicas do territorio no que se ubica e tamén no seu patrimonio cultural e etnográfico; e Experimenta Artesanía, no que se propón profundizar nas técnicas e nos proxectos profesionais e vitais de cada artesán ou artesá.

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “é unha iniciativa pensada para que as persoas participantes coñezan os obradoiros como espazos de traballo e de creación de obxectos únicos, pero tamén para poñer en valor, a través deles, os elementos culturais, patrimoniais e naturais de cada comarca”

“Confiamos en que esta primeira edición do programa poida servir como punto de partida para a creación dunha rede de talleres visitables, que contribúa a mellorar as condicións económicas e de competitividade da artesanía e sirva tamén de base para ampliar o recoñecemento da artesanía en Galiza e fóra”, apuntou o responsábel da área da Vicepresidencia, que puxo énfase no traballo realizado desde o Centrad nos últimos meses para a promoción da artesanía como recurso cultural e como actividade económica, “sostible, pegada á terra e xeradora de oportunidades para a fixación de poboación no rural”.

As actividades estarán guiadas por Guido Álvarez e realizaranse en grupos reducidos, cun número de prazas establecido en función do espazo do que dispón cada obradoiro e a observación significativa da actividade que se desenvolve neles.

As persoas interesadas en participar nas visitas deben inscribirse previamente a través do enderezo electrónico info.centrad@deputacionlugo.org ou no teléfono 982210066. O prazo ábrese o luns, 5 de xullo, ás 9.00 horas. As solicitudes atenderanse por orde de inscrición ata completar a capacidade.

Consulta lugares e datas do programa Lugo é Artesanía