Comezan en Lugo as rutas en bicicleta do ciclo #PaseArte

Artigo publicado no diario El Progreso de Lugo o 1 de xullo do 2021

Desenvolveranse ata setembro, organizadas pola área de Cultura do Concello e realizadas polo guía Guido Álvarez

Participantes na ruta deste mércores, entre eles Rubén Arroxo. EP

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, acudiu este mércores á primeira ruta turística en bicicleta que oferta a área de Cultura dentro da programación de visitas turísticas promovidas pola área de Cultura para este verán. As rutas a pé e en bicicleta do ciclo #PaseArte, realizadas polo guía Guido Álvarez, desenvolveranse ata setembro, durante 10 venres, 7 mércores e catro sábados.

O Concello salienta que as novas rutas permiten desfrutar da arte nas rúas, “nas súas distintas expresións”. Pasarán polas intervencións artísticas realizadas na cidade, entre as que se atopan os murais do Culturban, elementos escultóricos e as palabras do ano entre outras mostras. As novas visitas organízanse a pé e en bicicleta.

As rutas a pé desenvolveranse en dous horarios. Haberaas entre as 18.00 e as 20.00 horas en tres días de setembro: o 3, o 10 e o 17. Serán entre as 19.00 e as 21 horas o 9 de xullo, 16 de xullo, 30 de xullo, 6 de agosto, 20 de agosto e 27 de agosto.

Unha parte das rutas en bicicleta serán pola mañá, entre as 11.00 e as 13.00 horas, os días 31 de xullo, 7 de agosto, 28 de agosto e 4 de setembro. Serán pola tarde —entre as 19 e as 21 horas— os días 7 de xullo, 14 de xullo, 21 de xullo, 4 de agosto, 18 de agosto e 25 de agosto.

Ademais, entre o 11 de xuño e o 12 de setembro, a área de Cultura organiza visitas guiadas todos os venres, sábados e domingos ás 12 horas. Serán visitas guiadas polo casco histórico, onde se explicará o patrimonio artístico e cultural do centro da cidade, e que partirán desde a oficina de Turismo, situada na praza do Campo.