Os rusos de Navia

Artigo publicado no Nós Diario o 5 de xuño do 2021

Algo interesante está a suceder en Navia de Suarna, un concello ancarés de mil habitantes

Ourizo cacho metálico, obra de Pavel Yakushev

Un mozo enxeñeiro vigués que percorreu medio mundo desenvolve un proxecto de casa rural e coliving en Barcia.

Un asturiano profesor de inglés pon en marcha un museo etnográfico en pleno centro histórico da vila e tamén colabora na creación dun museo de ferreiros dos Ancares.

O artista de talla internacional Joseba Muruzábal elaborou nas rúas naviegas o extraordinario mural do oso e da superavoa Amparo, a reposteira dos bosques.

Que dicir de Óliver Laxe e “O que arde”, director e filme que puxeron no mapa mundial a Navia… Ou da Irmandade Naviega, asociación veciñal chea de futuro….

Pero as chorimas de esperanza das que fala o escritor naviego Toño Núñez están representadas dun xeito insuperábel con Алиса Смирнова e Pavel Yakushev, os rusos de Navia: dous mozos artistas que chegaron á vila hai pouco máis dun ano, e que nese curto tempo enchérona coas súas pegadas en forma de sentimentos e figuras de metal.

Galos, esquíos, troitas, raposos, ourizos cachos, trebos,, flores, nomes de casas e negocios… un absoluto bombardeo artístico cheo de encanto e personalidade.

Queridos por todos, chamados para todo tipo de ocasións, xa non se sabe quen e máis naviego… se os naviegos ou se os rusos Pavel e Алиса… dende logo son estes unha chiscadela ao futuro, un futuro no que Navia ben podería ser unha referencia para o novo mundo que comeza.  Un sinal do renacemento dunha vila histórica cargada de beleza que se revitaliza con muralistas, enxeñeiros, cineastas… e esa parella de rusos que elixe Navia como o seu lugar no mundo.