O Concello anuncia unha guía con 21 rutas naturais de Lugo

Artigo publicado no diario El Progreso de Lugo o 12 de maio do 2021

O proxecto, que elabora e coordina Guido Álvarez, incluirá itinerarios que partirán do centro, dos barrios e das distintas parroquias do rural.

Lara Méndez e Guido Álvarez. SEBAS SENANDE

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este mércores o proxecto que está a desenvolver o Concello para crear “unha completa guía sobre as rutas naturais do municipio, que nace para dar a coñecer a nosa inmensa riqueza paisaxística, cultural e histórica”.

Esta iniciativa, que coordina e elabora o guía oficial Guido Álvarez, “un dos nosos recoñecidos profesionais do sector turístico”, sostivo a rexedora, xurde para atender a crecente demanda da cidadanía pero tamén como un revulsivo turístico. 

Méndez afirmou que “un dos poucos aspectos positivos que nos deixa a pandemia é que comezamos a cambiar de hábitos, máis saudables moitos deles como é o camiñar máis e buscar novas zonas de lecer e de paseo. E ese primeiro paso que xurdiu como necesidade para manter as distancias sociais converteuse xa para un alto número de cidadáns nun costume. Pensando nesas persoas, pero tamén en potenciar un turismo acorde co modelo de cidade polo que estamos a apostar e a traballar, baseado na sostenibilidade e na creación de experiencias de calidade, lanzamos esta iniciativa”.

Lara Méndez: “Un dos poucos aspectos positivos que nos deixa a pandemia é que comezamos a cambiar de hábitos, máis saudables moitos deles como é o camiñar

Para a alcaldesa, “Lugo ten unha oportunidade excelente para aproveitar os seus recursos naturais para a recuperación e dinamización económica xa que poucos municipios poden presumir de estar inmersos na súa totalidade nunha Reserva da Biosfera, neste caso na de Terras do Miño, e de contar con paraxes magníficos, o que nos permitirá atraer un turismo que fuxe das masificacións, algo cada vez máis reclamado xa sexa turismo de proximidade ou de maior distancia”.

Con esta idea, a guía partirá coa presentación de 21 rutas que recollerán información do itinerarios, así como da flora e fauna que as caracterizan e sobre aspectos históricos, culturais e etnográficos, ademais de distintas localizacións de interese.

Serán percorridos que partirán do centro da cidade, dos barrios e desde as parroquias para abarcar un amplo abano de posibilidades de coñecer moito mellor as belezas de Lugo, ao mesmo tempo que se potencian estas zonas

Algunhas das rutas son xa coñecidas, como O vello Lugo agrario, a Ruta das Chousas ou a dos Muíños do Mera, aínda que a guía aportará novas perspectivas sobre elas, pero amosarán tamén novos roteiros, con nomes tan suxerentes como O pequeno FroilánA senda do FervedoiraTerras de canteirasOs bosques de Montirón ou Alfonso o Casto. Tamén incluirá a Ruta Connexio ao pé do camiño, que recolle os itinerarios das igrexas do Camiño onde se están a expoñer as intervención artísticas gañadoras do I Premio Connexio do Concello de Lugo, que se levará a Fitur este ano.

Guido Álvarez: “Os itinerarios están deseñados para todas as persoas”

Pola súa banda, Guido Álvarez explicou que “os itinerarios están deseñados para todas as persoas con datos xeolocalizados de utilidade, mapas, como chegar ata o punto de inicio, dificultade, accesibilidade, posibilidade de ir con cans, duración aproximada, perfil topográfico, recomendacións xerais, recomendacións segundo a estación, recomendacións para ir con nenos, puntos de emerxencia ou fontes e servizos ao longo da ruta”. Os roteiros estarán documentados, con fotografías e acceso a vídeos que axudarán a aportar máis información.

guía lucense agradeceu a realización deste proxecto. “Emocióname xa que me permite compartir os coñecementos adquiridos nos meus 35 anos, e moi especialmente nos 6 últimos paseando con milleiros de lucenses e turistas polo longo e ancho do noso Concello. De todos eles aprendín moito e estou moi agradecido.

WEB E APP. A guía, aínda que partirá destas 21 rutas iniciais, nace con vocación de que se vaia ampliando. Para acceder á información, o Concello creará una web y una APP, que incorporará como novidade un espazo onde os establecementos poderán promocionarse, “xa que queremos que esta ferramenta poida ser tamén un revulsivo para todos os axentes económicos da cidade”, incidiu Lara Méndez.