Lugo: unha guía, 21 rutas naturais únicas

Artigo publicado no diario La Voz de Galicia o 13 de maio do 2021

O Concello de Lugo, da man do experto en turismo Guido Álvarez lanzará unha web e unha aplicación nas que se describirán máis de vinte trazados por todo o municipio

Guido Álvarez e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez

O patrimonio paisaxístico, natural, histórico e gastronómico do Concello de Lugo teñen prestixio e recoñecemento. Sábeo ben o guía Guido Álvarez, que tras anos desvelando a lucenses e visitantes a maxia do municipio, recompilará agora nunha guía 21 rutas naturais que combinan, precisamente, paisaxe, cultura e historia.https://bdf00012a9f7f9eb0eab2b4b7328023a.safeframe.googlesyndication.com/safeframe/1-0-38/html/container.html

proxecto nace da man do Concello de Lugo e será Álvarez quen o coordine e o elabore. O reto é, en palabras da alcaldesa, Lara Méndez, «crear unha completa guría sobre as rutas naturais do municipio, que nace para dar a coñecer a nosa inmensa riqueza paisaxística, cultural e histórica». Así, atenderase a unha crecente demanda da cidadanía e ofrecerase aos visitantes un recurso turístico máis.

A guía comporase inicialmente de 21 rutas que poderán ir medrando co paso do tempo. Para acceder ao seu contido o Concello creará unha páxina web e unha aplicación. En cada ruta recollerase información dos itinerarios, da súa flora e a súa fauna, de aspectos históricos, culturais, etnográficos e de localizacións.

As rutas que se recollerán serán variadas. Haberaas que partirán do centro da cidade, outras dos barrios e outras dende as parroquias. Roteiros como o do Vello Lugo agrario, a Ruta das Chousas ou a dos Muíños de Mera estarán nesa recompilación, que incorporará outros trazados con nomes curiosos e evocadores. O pequeno Froilán, A senda do Fervedoira, Terras de canteiras, Os bosques de Montirón ou Alfonso o Casto son algunhas das propostas.

A que tamén se incluirá nesta guía é a chamada Ruta Connexio ao pé do camiño, que recolle os itinerarios das igrexas do Camiño Primitivo onde se expuxeron o ano pasado as obras gañadoras do certame artístico dos Premios Connexio.

«Os itinerarios están deseñados para todas as persoas con datos xeolocalizados de utilidade, mapas, como chegar ata o punto de inicio, dificultade, accesibilidade, posibilidade de ir con cans, duración aproximada, perfil topográfico, recomendacións xerais, recomendacións segundo a estación, recomendacións para ir con nenos, puntos de emerxencia ou fontes e servizos ao longo da ruta», describe Guido Álvarez.

Como complemento á guía, os establecementos que o desexen poderán promocionarse nela. «Queremos que esta ferramenta poida ser tamén un revulsivo para todos os axentes económicos da cidade», argumentou Méndez, que lembrou que esta iniciativa entronca co turismo sostible e de calidade polo que quere apostar Lugo.

E é que lonxe dun turismo masificado, o Concello pretende atraer viaxeiros que saiban aprezar a natureza, a historia ou a paisaxe, e tamén o modelo de cidade polo que se está a apostar. Un modelo que prima a creación de experiencias de calidade.