#LugoPatrimonioMundial

Artigo publicado no Nós Diario o 13 de febreiro do 2021

Lanzamos hai xusto dous anos, o 13 de febreiro do 2019, un cancelo que leva todo ese tempo facendo historia. Unha etiqueta de orgullo lucense que a día de hoxe aglutina milleiros de contidos, de milleiros de persoas amantes de Lugo, relacionados coas belezas e riquezas da máis antiga de todas as cidades da Galiza.

O xacemento arqueolóxico da Tinería, en Lugo

Un dos obxectivos está conseguido, aínda que sempre agardamos que vaia a máis: a poboación física, e tamén a virtual do lugar, implicadas no proceso de loita por unha causa común: a futura declaración de Lugo como cidade Patrimonio da Humanidade. Non só a Muralla, a Catedral, o Camiño Primitivo e os muros a xunta seca… todos eses elementos xa o son e fannos ser probablemente unha das cidades do mundo con máis bens Patrimonio Mundial por quilómetro cadrado… o reto agora é entrar nesa rede de cidades do mundo recoñecidas como conxuntos de interese patrimonial.

Toca logo ir a polo segundo obxectivo: facer forza para que as autoridades competentes (dende a Praza Maior ata Bruxelas) decidan, como se fixo no seu día pola Muralla Romana, apostar con firmeza por iniciar unha candidatura ante a UNESCO. E que máis precisamos? Un aliñamento dos poderes, dos visibles e tamén dos ocultos, para que Lugo se reivindique con unanimidade como a capital arqueolóxica internacional que é ou debería ser. Por que dicimos isto? Porque é esa, a arqueoloxía, a nosa mellor baza. Non só para este fin, senón tamén para poñer a Lugo no lugar que merece no mapamundi.

Fálase moito do proxecto do Museo da Romanización, que está moi ben, pero fai falla algo máis: o investimento público e privado para sacar á luz non só pequenas ventás cara o pasado senón todo un conxunto de cidade (e poboacións previas a Lucus Augusti tamén) que se agocha baixo o chan lucense. Para iso teñen que quedar de lado os intereses particulares que pretendan lucrarse -construíndo vivendas en pleno centro, de verdade?- do que é ou debería ser, como xa o di o título deste artigo, Patrimonio Mundial da Humanidade.