Unha viaxe polo Alto Miño

Artigo publicado no Nós Diario o 16 de xaneiro do 2021

Un territorio senlleiro camuflado entre comarcas e provincias

A lagoa de Fonmiñá, na Pastoriza

Agochados entre a toponimia oficial e o marketing turístico atópanse aínda certos territorios galegos, xeográficos e históricos, pouco traballados como destinos viaxeiros casuais ou organizados. Hoxe imos adicarlle un anaco de escritura e lectura a un que ten para min un encanto particular: o Alto Miño.

Sabiades que no século XIX puido ser este, case, un nome para unha provincia con capital en Lugo e subprefecturas en Viveiro e Mondoñedo? Digo case porque a idea era ó revés, Miño Alto, e acompañado doutras tres provincias para Galiza: Miño Baixo, Sil e Tambre… Foi en tempos de José I Bonaparte, imitando o modelo departamental francés con denominacións referidas ós accidentes xeográficos máis relevantes de cada zona do mapa.

O río Miño ó seu paso por Lugo

Pero hoxe non imos aludir a ese vasto territorio semellante á actual provincia de Lugo, e imos centrarnos nos lugares do extremo oposto ó da desembocadura atlántica do Miño… as terras do seu nacemento e primeiros quilómetros… non vos presta a viaxe? Farémola sen saír das comarcas de Meira, A Terra Chá e Lugo.

Podemos facer o percorrido en coche, en bici, en vespa, a cabalo, en piragua, andando… todo depende dos días que queiramos adicarlle a cada parte, ou de como nos organicemos. Facelo por etapas separadas no tempo pode ser unha boa opción.

COMARCA DE MEIRA

Ben coñecida é a tan famosa como innecesaria polémica sobre o nacemento do Miño: Fonmiñá ou o Pedregal de Irimia? Ningunha delas anula á outra, pois ambos lugares están cheos de historia, razóns e valores…  o único que si podemos determinar é que é nas alturas da Serra de Meira onde se atopa o lugar máis afastado do Atlántico se subimos polo presidente da Unión dos Ríos da Terra (Carvalho Calero dixit) dende a súa desembocadura.

O Pedregal de Irimia, en Meira

O Pedregal é un río de pedras grandes e organizadas que nace de numerosas fontes da serra e que carga unha inmensa emoción para todos os galegos. O noso río.

Meira é imperdible como berce cultural, centro comercial histórico e estratéxico de toda a área, coroado co seu magnífico convento cisterciense. A historia da vila atópase xustamente ligada a esta comunidade monástica que se asentou na zona pola idoneidade que esta tiña para os seus obxectivos: un lugar afastado dos centros poboacionais da época, e con boas condicións para os traballos agrícolas e industriais.

A TERRA CHÁ

É a Terra Chá unha das comarcas onde o Miño pesa máis na identidade e na alma dos seus veciños. Será por todas as voltas que da por ela antes de enderezar o seu rumbo dende O Piago?

Fonmiñá é sen dúbida un dos lugares máis sentimentais da Galiza. Pasear polos sendeiros da lagoa é unha viaxe profunda pola historia, pola natureza e por tantas lendas que nos unen como pobo. Imperdible a súa visita, como a do Castro de Saá, que o concello da Pastoriza leva moitos anos comezando a poñer en valor. Todo un descubrimento.

A praia fluvial de Baltar, a ponte de Rábade (de orixe romana e traza medieval), a área recreativa de Santa Isabel, O Piago ou a Illa de Seivane (coa súa famosa ponte colgante) son outros deses lugares nos que gozar da beleza do Miño na súa etapa inicial… as visitas á Casa Museo de Manuel María (en Outeiro de Rei) ou ás Penas de Rodas, complementos imperdibles. Todos os espazos naturais encadrados na Reserva da Biosfera Terras do Miño (lagoa de Cospeito, os Ollos de Begonte, a Ruta da Auga de Guitiriz e un longo etcétera), un agregado fundamental para entender non só á comarca, senón tamén a todo ese sistema hídrico que nutre ou polo menos acompaña ó Miño no seu primeiro tramo de existencia.

LUGO

Sería difícil determinar cal sería o punto final das terras do Alto Miño, pero Lugo, como gran capital histórica deste río, pode ser un bo remate para esta pequena reportaxe: dende Ombreiro e a Illa da Mesa de Pedra e ata a desembocadura do río Chamoso (que divide co concello do Corgo) son moitas as zonas onde o Miño loce unha especial beleza: Meilán, a Acea do Rei ChiquitoOrbazaiAs Illas, o milenario San Lázaro, o bimilenario barrio da PonteA ToldaConturiz… un paseo infinito. Os históricos caneiros e muíños, as fermosas rutas e pasarelas de madeira dalgunhas zonas, parques urbanos, templos históricos como Santiago de Meilán ou Santalla de Cuíña, monumentos como a Ponte Romana de Lugo, vías ancestrais (a Romana XIX, a de KünigCamiño Primitivo), preciosas estradas arboradas como a de Ombreiro, patrimonio arqueolóxico (como por exemplo as Termas Romanas ou o altar de Adai) ou a propia fauna e flora (garzas reais, corvos mariños, lontras) enriquecerán o voso periplo. Nin falar de todas as visitas que ofrece a máis antiga das cidades galegas…

Como todos os camiños esenciais este do Miño é moitas cousas: o reencontro coa identidade, o asombro da natureza e a reflexión da historia, un camiño iniciático para a toda a galeguidade. Un paseo para o pracer e a fantasía xunto ao achado das orixes e a emoción ancestral dun pobo de lenda. Ao redor do río veremos a memoria e as tabernas, os pobos e as vilas, saberemos algo máis de quen somos e de onde vimos.

A %d blogueros les gusta esto: