Viaxar na nosa cidade

Artigo publicado no nº 3 da revista Lugo Cultura Dixital

Os Bosques de San Lázaro (Foto: Guido Álvarez Parga)

Este foi o nome que lle puxen á miña primeira materia como profesor da UNED Senior de Lugo. Mellor dito, o nome que lle puxen á primeira materia que deseñei na miña vida. Probablemente un dos resultados ou conclusións de xa 16 anos metido no mundiño do Turismo.

Por que “Viaxar na nosa cidade”? Se me preguntasen iso, probablemente a miña primeira resposta e a máis espontánea sería: “Porque son de Lugo”. Si, sen dúbida… creo que ese dato é moi relevante na miña visión sobre a importancia do turismo de proximidade.

Nacín aquí no ano 1985, fillo dun xornalista arxentino e dunha lucense profesora de historia. Toda a vida metido no tema “do importante que é Lugo e o pouco valorado que está polos propios lucenses”. Toda a vida escoitando esas frases tan pouco convencidas e tan pouco orgullosas do incrible que é a nosa cidade… por sorte un pouquiño vai cambiando.

Neste turbulento 2020 parece que agora si é tendencia mundial o feito de valorar o que temos preto. Esqueceuse, por sorte, esa voráxine viaxeira banal e superficial… para buscar un turismo máis sensible e profundo. Está moi ben facer viaxes longas… pero non podemos deixar de lado aquelo que temos preto e que podemos desfrutar se non a diario como mínimo semanalmente.

Escalinata do Himno Galego (Foto: Guido Álvarez Parga)

Viaxar na nosa cidade non é só un xeito de lecer… sempre o digo: viaxar na nosa cidade é un xeito de ser máis felices. De gozar máis dos pequenos detalles que nos arrodean. De darlle valor á historia das cousas pequenas… dende saber máis sobre esa porta antiga ou sobre esa pranta, ata por suposto conversar máis cos nosos veciños. Iso tamén forma parte da viaxe.

Regresei a Lugo no 2015 e levo polo tanto xa 5 anos experimentando máis que nunca laboralmente na miña cidade. Antes fixérao só de xeito esporádico un par de veráns (na oficina de Turismo da Xunta) e con algún proxecto moi concreto. Agora si podo dicir que teño unha certa experiencia no día a día do turismo lucense… e polo tanto creo que unha visión máis global e próxima que nunca antes.

Fornos romanos entre a Muralla Romana e a rúa San Froilán (Foto: Guido Álvarez Parga)

Os lucenses non coñecemos Lugo. Nin sequera os que nos adicamos profesionalmente á xeografía e á historia da nosa cidade. Non é posible… é unha cidade inmensa, infinita, inabarcable… o relato é inesgotable, sobre todo porque poucas veces se quixo investigar sobre el. Queda moito por descubrir…

Como digo sempre, o conto é por suposto aplicable a calquera lugar do mundo… os porteños non coñecen Bos Aires, os barceloneses non coñecen Barcelona, os romanos non coñecen Roma… estivemos sempre demasiado ocupados.

Temos que estar menos ocupados. Dixémolo xa moitas veces. Ese famoso movemento slow… un pouco de calma. Deixaranos o sistema? Ese é o problema. Ten que mudar o sistema. O mundo ten que deixarnos máis aire… pero vaia, que tamén nós temos parte de responsabilidade. E é aí onde quero facer eu o meu traballo. No estímulo, na provocación, motivando a todos a que lle saquemos partido ó que temos preto. Penso que é unha das tarefas máis importantes que calquera guía turístico pode afrontar… e tamén un reto: se guiamos ben para os da casa, cos de fóra será coser e cantar.

Beira do río Miño en Lugo (Foto: Guido Álvarez Parga)

Galiza ten aínda moita marxe para desenvolver o seu turismo sen caer no burdo turismo de masas, sen esquecer outros sectores tan importantes para o noso tecido económico… sen chegar a que a sociedade sinta turismofobia. Estamos aínda lonxe diso, podemos facelo ben… e sobre todo temos a oportunidade de crear posibilidades para a nosa mocidade. Postos de traballo… e tamén capacitación. Os profesionais do turismo traballan e traballarán sempre en todo o mundo.

É unha gran sorte que a UNED estea a apostar en Lugo polos estudos deste ámbito, deste campo de coñecemento, deste sector económico… é importante que profesionalicemos, ou polo menos que demos a oportunidade de facelo. Que os lucenses teñan a oportunidade de estudar na casa, e os de fóra a oportunidade de vivir unha etapa universitaria en Lugo. Tamén iso é turismo e viaxar.

Volvendo a Lugo, a viaxar na cidade e ó turismo de proximidade: as posibilidades para esta materia son infinitas. Gustaríame que este primeiro curso da UNED sexa unha primeira pedra dun longo camiño de capacitación e posta en valor dos recursos da nosa cidade. Materiais, inmateriais… e sobre todo humanos. Cantas persoas interesantes, cantas historias por contar… non imaxinades o fermosos que foron estes 5 anos traballando e poñendo en valor todos estes relatos, todas estas vivencias, todo iso que as bimilenarias pedras lucenses levan milenios calando… agárdovos nas aulas e sobre todo nas nosas rúas e camiños.