O legado de Piornedo

Artigo publicado no Nós Diario o 21 de novembro do 2020

Lola e Isolina, salvagardas da tradición e historia dos Ancares

A pegada das grandes construcións identitarias como a galega sempre deixa recunchos vivos onde podemos observar o paso do tempo vivido. Galiza ten, desde os oestrimnios e saefes ata a modernidade próxima, moitas marcas da memoria en lugares como Tui, Allariz, Bretoña, Mondoñedo…innumerables sinais da historia en toda a xeografía. Lonxe dos contaxios aínda quedan esquinas como Piornedo, que vive nos Ancares custodiando as orixes.

Alí chegamos cada ano para emocionarnos coa beleza da paisaxe e os sinais castrexos guiados por Lola e Isolina que fan certo aquelo de que “os lugares son a xente” pois elas (promotoras de Piornedo Anda e da Palloza-Museo Casa do Sesto) fan deste recuncho do mapa algo máis que un paseo fotográfico: móstrannos as pallozas (onde naceron e medraron), as tabernas, a natureza, descríbennos a riqueza animal e vexetal do terreo, os camiños da montaña, a calor da súa xente, o amor pola terra. Lola e Isolina facilitan o sentir do Piornedo, esa verdade que viaxando soubemos atopar nos Abruzzos da grande Italia ou no Atri que dá pé ao nome do Adriático e que segue sendo nobre e humilde. Pobos sen maquillaxe, sen trampa-tour, capaces de osixenarnos e darnos paz.

O MEU CONTACTO COS ANCARES

O meu avó paterno era da montaña, do oriente galaico, concretamente de Xestoso da Fontaneira. Aínda así, como el foi emigrante a Arxentina e non cheguei a coñecelo, os meus primeiros contactos coas altitudes galegas foron a través doutra rama familiar, a da miña avoa materna, por unhas amizades que tiña en Doncos, no concello de As Nogais.

Para min, neno urbano (dentro do urbano que é Lugo) e sobre todo neno sen aldea (podería ser un trauma sendo lucense) esas viaxes ós Ancares sempre as sentín e sinto como as maiores aproximacións á esencia e a historia da Galiza. Poucos lugares gardan no século XXI un recendo tan grande a antigo e auténtico, como pode suceder en Italia con ese xa mencionado Abruzzo. Os Ancares son de verdade.

E foi xa sendo grande cando visitei Piornedo por vez primeira. Lémbroo coma se fose hoxe: días finais de ano, preto do 31 de decembro, hai… tres lustros? Cos meus amigos Iago e Sebastián subiramos ó Mustallar e para min fora unha desas aventuras que quedan na memoria para sempre. Daquelas aínda non tiña moita experiencia de montaña e ata considero que por momentos o día tivo doses de sufrimento. Especialmente baixando! Pero tamén o dificilmente superable pracer de descubrir unha das alturas galegas, de gozar dunhas vistas incribles, e de comezar a descubrir un Piornedo que nestes anos se convertería xa nun dos meus sitios predilectos desta nosa terra.

A seguinte ocasión na que visitaría a zona sería no 2009, traballando na creación dun xeoportal turístico para o IDEGA, para o cal pasamos un verán enteiro -o xeógrafo Jose Corral e eu- percorrendo todas as parroquias e lugares das comarcas de Ancares e Quiroga. Iso si que fóra unha experiencia! Xeoreferenciamos unha infinidade de recursos e servizos turísticos, rutas… e tivemos a oportunidade de coñecer palmo a palmo todo o territorio.

VOLVENDO A LOLA E ISOLINA

Uns anos despois, de volta en Lugo tras once anos fóra e varios no estranxeiro, chegou a miña gran fortuna: coñecer a Lola e a Isolina. Foi grazas ó bo amigo Román Sánchez, actual xerente da cooperativa A Carqueixa, no momento no que eu comezaba a miña primeira etapa laboral nunha axencia de viaxes lucense. Como tantas outras veces, Román brindoume unha idea acertadísima.

Dende aquel 2015 levamos organizadas unhas cantas excursións con dúas mulleres que son tremendamente coñecidas a través da prensa, pero non tanto como deberan polo pobo galego e visitantes. Sobre todo agora que o turismo de proximidade está tomando máis sentido que nunca, visitalas no 2021 debería ser asignatura obrigatoria nas escolas pero tamén en todos os fogares.

Para min Lola e Isolina son deses baluartes que deberían protexerse e promoverse tanto como deberían coidarse os teitos das pallozas, ou mellor dito, tanto como se promove e coidan o Camiño de Santiago ou a Torre de Hércules.

PIORNEDO ANDA

Rutas etnográficas guiadas que teñen como finalidade poñer en valor o corazón de Ancares e a súa gran riqueza en canto a fauna, flora e tradición. Comparten información na páxina de Facebook que leva o seu nome.

PALLOZA-MUSEO CASA DO SESTO

Pequeno museo no que se pretende amosar a forma de vida e as vivendas tradicionais da zona: as pallozas. No museo existen distintas ferramentas e aparellos que foron usados pola familia, pero o máis importante é o propio edificio, unha palloza, que foi a vivenda habitual dos propietarios (e onde naceu Isolina) ata o ano 1970. No ano 2007 a palloza-museo Casa do Sesto obtivo o recoñecemento da Xunta como colección visitable, de contido etnográfico, ao amparo do disposto na Lei 8/95 do patrimonio cultural de Galicia, avalada polo Consello da Cultura Galega e polo museo do Castro de Viladonga.