Iago Eireos, arte urbana dende o barrio Feijóo: “Temos unha cidade defendida por grandes artistas e cun gran legado”

Conversa-entrevista no Lugo Xornal e Galicia Confidencial o 9 de decembro do 2020

É un dos artistas internacionalmente máis coñecidos da nosa cidade. Viviu e fixo residencias artísticas en media Europa, e agora proxecta a súa arte dende o barrio Feijóo. El é o impulsor do recentemente creado festival Culturbán, e chega ao Lugo Xornal cunha nova conversa-entrevista de Guido Álvarez

Iago Eireos no Espazo Lupa Arte | Guido Álvarez Parga

GUIDO: Cantos anos levas no mundo da arte? Como comezou todo? Cales foron as túas etapas en canto á túa formación?

IAGO: Inquedoume sempre a arte, en particular a pintura, dende moi pequeno. A miña nai foi profesora de artes plásticas, pintura e debuxo técnico nos Salesianos, agora está xubilada, recordo como os dous acompañabamonos cos nosos lenzos, lapis e cadernos de apuntes, na casa, nos parques, na praia, nas súas clases extraescolares… Sempre ambos cos pinceis, cada un ao seu estilo.

Académicamente, realicei o Ciclo Superior de Fotografía Artística na escola de arte Ramón Falcón, logo a Licenciatura de Belas Artes na facultade de Pontevedra, e tempo despois volvín á R. Falcón a por o Ciclo Superior en Gravado e Técnicas de Estampaxe. Sempre me preocupei en manter unha formación constante, son moi inquedo nese senso.

G: En que zona de Lugo naciches? Viviches en máis dunha zona dentro da cidade?

I: Os meus primeiros anos crecín na Avenida da Coruña cos meus pais e irmán, á altura do parque de Frigsa, logo, trasladámonos ao barrio de Fingoi, á rúa Armórica. Alí transcorreu gran parte da miña adolescencia. Tempo despois, tras os meus estudos universitarios e andanzas por diversas lareiras do mundo, ao retornar á cidade volvín á Avenida da Coruña, esa vez en parella, e máis recentemente en trío trasladámonos á Fonte dos Ranchos buscando un piso acorde coas necesidades que esixen os nenos pequenos.

“FUN DE ERASMUS A ROMANÍA. TEN UNHA GRAN TRADICIÓN EN ARTE MURAL, EN PARTE POLO LEGADO DA CULTURA COMUNISTA”

DE LUGO AO MUNDO

G: E fóra de Lugo, sei que estiveches en Romanía… Nalgún lugar máis? Que recordos tes das túas experiencias fóra da cidade?

I: Estudei Belas Artes en Pontevedra, alí pasei os meus primeiros anos de falsa independencia, unha cidade á que teño gran apego. Logo, como ben dis, fun de Erasmus. Escollín Romanía pola especialidade que ofrecía a facultade de Belas Artes en pintura mural. Romanía ten unha gran tradición en arte mural, en parte polo legado da cultura comunista.

Ao ano seguinte, aínda sen terminar a licenciatura déronme a bolsa da fundación Antonio Gala para mozos creadores. Pasei un ano espectacular en Córdoba, compartindo residencia e taller con artistas internacionais de diversas disciplinas. Esa experiencia abriu o camiño para seguir, sen lugar a dúbida un antes e un despois na miña profesión. Outras cidades polas que deixei pisad foron en Italia, Florencia e Prato; en Portugal, Lisboa, Porto e Serpa. Pero tamén Lanzarote, Alacante, Murcia, Barcelona ou Madrid. Son cidades nas que me ofreceron residencias artísticas de media e longa duración, experiencias que busco fomentar, e que me ofrecen un cambio de perspectiva moi enriquecedora para a miña obra.

Doutra banda, hai uns anos realicei un proxecto que recibiu o nome de On The Road Project, unha viaxe iniciática por diversos puntos de Europa a bordo dunha furgoneta transformada e adaptada como unha cámara estenopeica. Resumindo… unha cámara escura con rodas e de enormes dimensións. Ese proxecto recibiu gran repercusión mediática, mesmo desde o Parlamento Europeo distinguíronme como un dos Rostros de Europa do ano 2013. A miña imaxe, xunto á doutros 18 cidadáns do resto das comunidades autonómincas + Ceuta e Melilla, foi protagonista e ampliada a escala da fachada da sede do parlamento Europeo no Paseo da Castellana.

Intervención artística de Iago Eireos na Escola de Idiomas de Torrelodones | Iago Eireos

O MELLOR MOMENTO DA ARTE URBANA

G: Cando che deu por comenzar a pintar en muros e paredes? Como te definirías dentro de esta faceta?

I: Comecei na facultade de Belas Artes. A transición do lenzo ao muro resulta moi natural e, a pesar das evidentes diferenzas, procuro abordar os proxectos pictóricos de forma similar. Tanto o lenzo como o muro comparten procesos, por iso nese sentido defínome como muralista.

“AO PÚBLICO INTERÉSALLE COÑECER OS ARTISTAS URBANOS, XORDE O INTERESE POLO COLECCIONISMO ENTRE UNHA XERACIÓN QUE NON SE PREOCUPOU POR ISO… É CANTO MENOS ALENTADOR”

G: Como ves o actual momento da arte urbana no mundo? E en Lugo?

I: Sen dúbida estamos no esplendor da arte urbana, en parte pola gran difusión que reciben as obras en redes sociais, ou a atención que lle prestan os noticiarios internacionais a creadores como Banksy. Tamén pola aparición dos distintos festivais de arte urbana que xurdiron en todo o territorio nacional nos últimos anos, sen esquecer as feiras e galerías especializadas en arte urbana. O interese que está a suscitar indícanos que vén para quedar, e a demanda non deixa de crecer. Ao público interésalle coñecer os artistas urbanos, xorde o interese polo coleccionismo entre unha xeración que non se preocupou por iso… É canto menos alentador.

En Lugo… tres cuartos do mesmo. Temos unha cidade defendida por grandes artistas e con gran legado ás nosas costas. Non podemos esquecer que Maruja Mallo ou Tino Grandío foron grandes muralistas e a día de hoxe seguen moi presentes e non deixan de ser actuais. Un exemplo: á entrada de Lugo pola N-540, á altura do Monte Segade antes de entrar á ponte, durante anos nunha marquesiña de autobuses de plástico debuxábase unha alusión ás mulleres de Maruja Mallo. Non coñezo quen realizou a peza, pero esa interpretación a min encantábame polo seu contexto de benvida. Unha mágoa que acabara sendo bandalizada e menosprezada.

Iago Eireos durante a intervención artística de Lidia Cao no festival Culturban | Foto: Guido Álvarez Parga

O CULTURBÁN PARA UN LUGO “VANGARDISTA”

G: Como está a saír todo no festival Culturbán? Cal cres que é a súa proxección?

I: Pódese dicir que de momento o Festival Culturbán acaba de chegar ao mundo. E como todo neonato estamos a aprender a sopesar as dificultades. Xorden problemas e incidencias onde non se contemplaban, pero tamén xorden satisfaccións e resultados espectaculares, como o mural que nos regalou Lidia Cao na Avenida da Coruña, ou o combate mural realizado na Rolda da Muralla que tanto interese suscitou entre participantes e viandantes. A proxección esperada, do mesmo xeito que sucede noutros festivais de arte urbana, é que o festival siga evolucionando e crecendo a medida que os murais van xurdindo pola cidade. E coa súa propia inercia, alcanzar o sentimento de pertenza entre a cidadanía.

“DE LUGO ESCOLLO COMO LUGAR SELECTO O BARRIO FEIJOO POLA SÚA IDIOSINCRASIA E A SÚA SINGULARIDADE”

G: Que mensaxe quere deixar Culturbán á xente de Lugo?

I: Temos unha cidade que merece o mellor. Temos un patrimonio e un legado cultural de gran valor que salvagardar. Por iso, debemos preocuparnos moito de como construímos a nosa contorna urbana. O armazón urbanístico, arquitectónico e estético dunha urbe reflicte en gran medida a riqueza en amplos aspectos que alberga como sociedade.

Por iso, a intención é construír un Lugo vangardista, participativo, colorista e culturalmente aberto como punto de partida. A intervención programada de artistas convidados pretende fomentar propostas estudadas e deseñadas para un enclave concreto, e que dialogue coa contorna urbana e social.

Intervención artística de Iago Eireos na Biblioteca Municipal de Torrelodones | Iago Eireos

O BARRIO FEIJÓO, O SEU LUGAR NO MUNDO

G: Cales son os teus lugares favoritos de Lugo?

I: Teño varios enclaves que me atraen especialmente. A muralla por ser referencia da cidade, o centro pola súa riqueza e historia, o Círculo das Artes por formar parte del ao exercer como profesor… Pero con maior incidencia quedo co barrio Feijóo. Teño o meu taller alí, “Espazo Lupa Arte”, e paso moitas horas na súa contorna.

É un barrio moi particular. A primeira vista ten un aspecto decadente e deixado, moitas das súas casas están tapiadas ou en ruínas. O curioso é que o barrio está moi ben situado, a escasos 5 minutos do centro a pé, ten nas súas proximidades todo tipo de servizos, e a Avenida da Coruña como eixo fronteirizo entre a cidade e o barrio. A sensación é de entrar noutra localidade. Por iso escollo como lugar selecto o barrio Feijóo. Non pola súa beleza oculta, que tamén a ten, senón pola súa idiosincrasia e a súa singularidade.