Yoe, 41 anos de graffiti en Lugo: “somos unha cidade incriblemente transgresora”

Conversa-entrevista no Lugo Xornal e Galicia Confidencial o 19 de novembro do 2020

Para un lucense de toda a vida, é imposible falar de graffiti en Lugo sen comezar por Yoe 33 e pola súa xeración. El elude e escapa dos apelativos de pioneiro ou precursor, pero todos sabemos que o é. Unha conversa-entrevista memorable para coñecer como poucas veces a un artista que en só catro décadas xa escribiu o seu nome na historia da cidade.

Yoe 33 na terraza do seu estudo, na praza de Santo Domingo | Guido Álvarez Parga

GUIDO: Como comezou todo?

YOE: Eu teño 41 anos, levo pintando graffiti dende os 13. Comecei co graffiti porque me gustaba o rap, e aí conectei cun contido engadido. Eu sempre pintara, debuxara, a miña nai era profesora de Belas Artes, o meu pai tamén pintaba, e ó final collín un bote como ferramenta distinta á que eu utilizaba xa antes. E gustoume por moi distintos motivos.

G: Como cambiaron as cousas dende aquelas ata hoxe?

Y: Mirando en perspectiva todo mudou moito. Antes as pinturas de spray eran de ferretería. Eran cores moi limitadas, gamas de 9, de uso industrial, non estaban deseñadas para pintar artísticamente. As pinturas eran malas, non había boquillas… tiñamos que facelas. Pechabamos a saída queimándoa e abriamos un buraco moi pequeno cunha agulla. Tiñamos que tentar domar ese botes que eran durísimos, non estaban deseñados para nada artístico. De todo aquelo naceu a oportunidade que viron as marcas de spray, alá polos finais dos 90, de abrir un negocio. Viron que había unha gran demanda de produto por parte dos graffiteiros. Agora estamos en gamas de máis de 120 cores fronte a aqueles 9 iniciais. Eu para facer unha cara preciso unhas 13 ou 14 cores diferentes. Tons de marróns e cremas podo utilizar polo menos 8, porque as cores tes que ilas solapando, que é unha das características particulares da técnica do spray.

Escalinata do Himno Galego, obra de Yoe 33 e Marcos Pereira na rúa das Fontiñas | Foto: Guido Álvarez Parga

G: Preguntas que poden parecer chorras: cando custan os botes?

Y: Entre 3,5 € e 5 €.

G: Dicías que chegaches ó graffiti polo rap… rap estadounidense? Que grupos ou rapeiros che gustaban?

Y: Si, exclusivamente estadounidense. O que chegou aquí a través da base militar de Torrejón de Ardoz. Antes non era como agora que temos acceso a todo, daquelas o rap chegou a través das cintas que traían os estadounidenses a Madrid e logo se distribuían.

“NON ME GUSTAN OS CONCURSOS DE GRAFFITI ONDE PERSOAS QUE NON DOMINAN A TÉCNICA XULGAN UNHA DISCIPLINA QUE NON DOMINAN. PARA XULGAR ALGO TES QUE COÑECER A DIFICULTADE QUE ENTRAÑA ESE ALGO”

G: Dende hai bastantes anos téndese a falar de termos como “cultura urbana”, “underground”… ti sínteste identificado con eles?

Y: Eu son unha persoa moi independente para este tipo de cousas. Como che dicía antes, non me gustan as etiquetas, porque se me poño unha etiqueta téñome que suxeitar a ela: “aí chega o graffiteiro, aí chega o rapeiro”… sabes? Se non me suxeito a ningunha etiqueta, ninguén pode reclamarme nunca nada, porque nunca estiven nese punto. É como o que fai reggae e logo pasa a ragga e logo pasa a rap, eu vou realmente ó que me apetece, considero que a miña concepción é artísticamente libre. Non me sinto atado a nada, non levo ningunha mochila. A arte baixo a miña perspectiva é das cousas nas que máis se precisa da liberdade, e eu exérzoa.

Yoe 33 no seu último mural do barrio da Estación | @yoe333

G: Volvendo atrás: como era Yoe antes deses 13 anos de idade que mencionabas antes?

Y: Eu son unha persoa que pintei dende moi pequeno, por iso, como che dicía antes, para min o spray é unha técnica máis. Eu probeinas todas. Gústame experimentar. Logo posicioneime nunha cousa porque considero que para ser bo en algo tes que centrar esforzos nunha mesma cousa. Non podes ser bo en todo. Por iso, á marxe de todo isto, fastídiame que hoxe en día moitas veces se fagan concursos de graffiti onde persoas que non dominan a técnica xulguen, queiran ser xuíces, dunha disciplina que non dominan. É coma se eu xulgase un concurso de alta cociña. Eu creo que para xulgar e valorar algo tes que coñecer a dificultade que entraña esa actividade. Unha cousa é opinar sobre calquera cousa, pero algo diferente é xulgar, valorar se algo é mellor ou peor. Xa é difícil ou case imposible xulgar a arte, como para máis facelo dende fóra. É moi difícil atopar gañadores obvios porque a arte é moi persoal, moi subxectiva. Por iso a min non me gustan os concursos.

“POR QUE FAGO EU POUCAS PERSONAXES CANDO PINTO? PORQUE MOITAS XERAN MOITO RUÍDO, É MOITO MÁIS COMPLICADO FACER UNHA SOA QUE FACER MOITAS. MOITAS ENCHEN O ESPAZO, PERO ENCHER CON POUCO É O DIFÍCIL”

G: Cambiando de tema: que pretendes expresar coa túa obra?

Y: A miña obra é figurativa, non é abstracta. O que eu fago pódelo ver. Non teño unha mensaxe explícita, a miña mensaxe é de forma. Estilización, técnica, cor, eu desfruto con iso. Fago todo para min. Fíxate, eu as miñas tatuaxes fágoas mirando cara min, non para que os vexan os demais, fíxate. E o que pinto son cousas persoais. Si que é certo que na miña etapa inicial, máis prematura, eu estaba cuestionando todo: a natureza, a riqueza, o despoboamento, se produces isto contaminas aquilo… cuestións, todo cuestións. Agora deixei todo iso exclusivamente pola técnica e pola fluidez de transmitir a través dela. Eu non poño demasiados elementos, pero unha dinámica de forma moi mimada. Eu mimo sobre todo as formas que eu ofrezo. Iso é no que eu traballo. Na mestura de cor, que as temperaturas sexan correctas, o xogo de balances, o xogo de efectos visuais.

G: Entón non ten sentido que te pregunte que significa, por exemplo, a túa última obra no barrio da Estación

Y: Non, porque eu non vou a iso, esa obra xa pasou, eu xa faría algo diferente, porque eu xa avancei dende eses días. Son unha persoa moi inqueda, non hai día que non debuxe, nestes meses xa aprendín cousas novas. A min gústame reflexionar moito, avanzar moito, meter moitas cousas novas, por iso o que pintei a semana para min xa é o pasado. Eu sempre estou máis no futuro que no presente. O de atrás… para que vexas, non teño nin fotos dos meus graffitis antigos, porque para o único que serviron é para facer o que fago agora. Eu sempre estou nesa cadea evolutiva. Cando pare o carro arrepentireime de non ter fotos de nada, haha! Pero darame igual, teño moi pouco apego a esas cousas. Eu estou todo o día debuxando, sempre debuxando, gústame, teño inquedanzas a nivel da iluminación, de como reflexa a luz no plástico, no metal, na lousa… nese estudo estou eu metido sempre completamente. É aí onde me atoparas. Nun estudo constante das formas. Por que fago eu poucas personaxes cando pinto? Porque moitas xeran moito ruído, é moito máis complicado facer unha soa que facer moitas. Moitas enchen o espazo, pero encher con pouco é o difícil. Son unha persoa que non me gusta deixar as cousas ó azar, gústame controlar, estudar a técnica. O contrario faino o meu fillo pequeno de dous anos porque é inconsciente e primitivo… pero pictóricamente non ten aínda un criterio, pode ser máis ou menos divertido e pode ter o seu talento, pero a min gústame que as cousas teñan un estudo.

Mural de Yoe 33 e Marcos Pereira na rúa Bo Xesús | Foto: Guido Álvarez Parga

G: Pasamos a outro tema: como ves o momento da arte urbana en Lugo? Gústache o que ves?

Y: Lugo é unha cidade, nese senso, que, para o pequena que é, sempre foi incriblemente trasgresora. Aínda que pareza raro. Fíxate, cando outras cidades moito máis modernas en España aínda non tiñan pintadas, en Lugo no ano 2000 e antes diso, a xente xa entendera aquí moitas destas cousas. Nunha cidade en teoría tan pequena e en teoría tan costumista. A min cónstame, por outros graffiteiros, que agora outras cidades como Vigo colleron a cabeza nestas cousas tratando ós artistas mozos como deben, cunha remuneración económica en condicións, dándolles os medios, e cuns medios fascinantes. Aquí en Lugo no seu día tróuxose ó mellor do mundo e non é unha forma de falar: veu xente de Los Ángeles, Dinamarca, Rumanía, Italia, Portugal… pagáronse vóos de todas partes… cando en case ningún lugar se facía. E a xente era favorable a elo. O Concello de Lugo apoiou moitísimo todo este tipo de iniciativas… e non o digo para que logo a min me repercuta no meu traballo, porque non o necesito. Dígoo porque así o penso, porque foi así. Dende hai máis de vinte anos. Cidades teóricamente máis modernas non se planteaban nada, e en Lugo xa estabamos pintando a spray edificios administrativos e institucionais. Case dende que comezamos a ir ó concello a facer propostas, tivemos boas sensacións.

“LUGO É UNHA CIDADE, NESE SENSO, QUE, PARA O PEQUENA QUE É, SEMPRE FOI INCRIBLEMENTE TRASGRESORA. AÍNDA QUE PAREZA RARO. FÍXATE, CANDO OUTRAS CIDADES MOITO MÁIS MODERNAS AÍNDA NON TIÑAN PINTADAS, EN LUGO NO ANO 2000 E ANTES DISO, A XENTE XA ENTENDERA AQUÍ MOITAS DESTAS COUSAS”

G: Outro xiro de tema: sei que es un especialista pintando nubes

Y: Vouche contar unha anécdota. Fíxenme especialista pintando igrexas evanxelistas xitanas. Pintei tantas, e tantas nubes, que me especialicei neste rexistro. Incorporei ó meu banco de recursos ese tipo de nube e agora o utilizo.

G: Cóntame máis anécdotas do mundo graffiteiro

Y: Vouche contar dúas relacionadas coa paixón. Por exemplo, teño comezado unha obra en fin de ano, antes de ir comer as uvas, e xusto despois de tomalas ir rematala antes de saír de festa. E outra moi curiosa, que marca tamén o que sucede cando che gusta algo de verdade… Unha vez, tamén na época da ilegalidade -porque non foi sempre todo igual- comecei pintar unha obra ás sete da tarde. Non me percatei de que pronto ía ser de noite, marchei cos cos colegas ó cine, e logo volvín… a medianoite. Sen luz. E tiña que rematar a obra porque ó día seguinte sería todo moito máis compricado. Polo cal… fixen dúas fogatas para poder ver. E tiven que rematala prácticamente a escuras. Cando algo che gusta, non hai nada que che pare. Nós fomos a Rumanía e pintamos a -16º C. Levamos auga para beber e cando nos dabamos conta estaba conxelada. Só a xente que lle gusta algo fai este tipo de cousas. O graffiti é moi sacrificado porque faiche saír das zonas de confort.

“FÍXENME ESPECIALISTA EN NUBES PINTANDO IGREXAS EVANXELISTAS XITANAS”

G: E o resto da vida? As amizades? Cales son os teus hobbies?

Y: Coñezo moitísima xente, teño moitos amigos, pero nos últimos anos estou moi metido na miña vida persoal. Teño contacto con todo o mundo pero xa non son unha persoa que alterne, que faga vida social. Fago moita menos que antes, estou moi metido no que fago. En canto ós hobbies, fíxate, están bastante ligados ó que eu fago tamén. Fascíname por exemplo a animación, películas de animación… e logo o deporte, o exercicio físico. Fixen boxeo, gústanme os exercicios intensos, non son de exercicio de longa duración, son de duracións curtas pero intensas. Gústame poñer as cousas ó límite. Tamén coa alimentación, por exemplo, son un tío moi san. Caseime e baixei moitos pedais, pero por exemplo todos os días levántome e fago un batido de froitas, verduras… dous ovos, tostadas… fago exercicio todos os días da miña vida. Saco de boxeo, barras… anaeróbico total.

Yoe 33 no Marisquiño 2017 | @yoe333

G: Última: que mensaxe che gustaría deixarlle á xente de Lugo?

Y: Sigamos medrando. Sigamos evolucionando.