A Mariña e o mar Céltico

Reportaxe publicada no Nós Diario o 26 de setembro do 2020

As augas que conectan e relatan a nosa historia

Toda a vida levo vivindo A Mariña Lucense con moita intensidade. Os veráns de infancia e adolescencia, os recordos das miñas avoas (de Foz e Ribadeo), nos últimos anos as experiencias profesionais… e neste 2020, guiando máis que nunca por estas terras queridas. 

Nunha das rutas que fixemos co amigo Pedro Rolle (O Freixo dos Lobos Ecoturismo e Natureza) para a mancomunidade, aproveitei, como tantas outras veces, a ocasión de facer as mellores fotos posibles da nosa actividade.

Unha das que máis me gustaron do verán foi a que vedes do Golfo do Masma con dous barcos… tituleina nas redes “O mar céltico en Burela”, tivo bastante éxito… e xerou un certo debate: como que mar Céltico?

O mar Céltico, visto dende Burela

Se miramos o mapa vemos que o mar Céltico anda situado polo sur das costas de Irlanda, Gales, Inglaterra… pero, ata onde chega? Eu estou seguro de que polo menos ata Foz, aínda que nos digan outra cousa!

Como non vai chegar o mar Céltico ata o castro de Fazouro? Como non vai chegar o mar Céltico ata San Martiño de Mondoñedo? Como non vai chegar o mar Céltico ata a Bretoña pastoricense?

As migracións bretoas das épocas de Maeloc son unha evidencia remota desa conexión céltica, ó igual que esas mencións literarias antigas que dicían “Galiza linda ó sur con Portugal e ó norte con Irlanda e Inglaterra”… somos curmáns, irmaos, veciños de mar e de cultura. Sobran os exemplos.

O castro de Fazouro, en Foz, é un dos máis fermosos da Galiza

Se nos limitamos a nomear os mares polas tribos orixinarias que habitaban as súas beiras, cabe o de Cantábrico… pero se a nosa mirada é máis extensa e no nome reunimos aos pobos e nacións que comparten raíces ou parentescos, herdanzas culturais ou tradicións, é evidente que o Mar Céltico nos abarca.

E non son só as lendas dos tempos de Breogán, ou os documentos existentes sobre os lindes e fronteiras, ou certos modos de repartir a terra ou comartir os festexos… tamén está ese sentimento de pertenza que nos inclúe a todos.

Cando falamos de Mar Céltico é porque existen Foz e Mondoñedo, Bretoña, Pastoriza, Ortigueira… porque temos amores compartidos no gastronómico e na música, na retranca e na ironía, na morriña fisterrá, e nun pasado milenario que nos une nesa gran charca que nos identifica no planeta.

A Illa Pancha, na costa de Ribadeo, é lugar de avistamento ornitolóxico

Non existen verdades absolutas e o debate queda aberto, non imos descubrir as discusións sobre este tema, pero recordemos que aínda hoxe compartimos o culto á morte, a cultura do mar, as meigas e trasgos…ata a fantasía que herdou García Márquez da súa avoa galega… hai un Mar Céltico.

Algunhas visitas imperdibles dos seus bordes:

  • Praia de Xilloi: Recoñezo tela descuberto este verán, pero hoxe xa a conto como unha das miñas tres ou catro praias favoritas do mundo. Está no concello do Vicedo, preto do famoso Fuciño do Porco, na entrada da ría do Barqueiro… é unha verdadeira xoia. De area branca e fina, ten unhas espectaculares augas azuis  e transparentes que adoitan ser tranquilas.
Vistas dende o Monte de San Roque, en Viveiro
  • Monte de San Roque: un clásico de Viveiro, pero de inevitable mención para os que desexen divisar o Mar Céltico: poucos miradoiros tan impresionantes cara ese horizonte bretón e irlandés, e tamén cara a desembocadura do río Landro: zona húmida de gran valor ecolóxico.
  • Os castros de Xove: este municipio da Mariña Central é un dos de toda a xeografía galega que contan con máis castros catalogados, algo que fala ben da súa importancia en períodos pretéritos, e tamén do grao de poboación desta terra no pasado galaico.
  • A Península da Paz: San Cibrao está conformado por seis parroquias e a súa chamada península da paz está rodeada de fermosos areais de beleza incomparable. A Atalaia vixía no seu horizonte as míticas Illas Farallóns, berce da festexada lenda da Maruxaina.
Paseo da Marosa, no Concello de Burela
  • Paseo da Marosa: 11 quilómetros da Burela máis bonita, a da súa costa e praias. Burela conta cunha gran historia castrexa, da cal o seu famoso torques é reflexo dun glorioso pasado do que a localidade presume na súa bandeira e escudo.
  • Castro de Fazouro: un dos máis fermosos de Galicia. Non pode precisarse o momento inicial do seu asentamento, pero especúlase que podería encadrarse entre os séculos I e III d.C. A chegada dos romanos ten, como en tantos outros lugares, unha explicación de interese económico: a explotación dos recursos, principalmente os minerais.
  • Pico da Frouseira: nesta altitude mariñá atópase a vella fortaleza da Frouseira, unha fortificación ubicada no límite xeográfico entre os concellos de Alfoz e Foz. Foi derrubada en dúas ocasións durante o segundo levantamento irmandiño (1467-1469) e nela agochouse no seu tempo o famoso Mariscal Pardo de Cela.
Visita ao pico da Frouseira (Alfoz-Foz)
  • A ría do Masma: as súas augas bañan os municipios de Barreiros e Foz, facendo de límite entre ambos municipios. Pode observarse de maneira moi bela xustamente dende o Pico da Frouseira, e nela celébrase a famosa festa normanda de Foz.
  • Illa Pancha: na costa do municipio de Ribadeo, nestá instalado un importante faro construído en 1857. Lugar de avistamento ornitolóxico, está unida a terra firme por unha estreita ponte.