Retomando e avanzando

Artigo publicado no diario La Voz de Galicia o 4 de setembro do 2020

Foto: Alberto López (La Voz de Galicia)

Hoxe os lucenses celebramos unha noticia histórica: semella que o proceso de peonalización do centro histórico e rondas -exterior e interior- da Muralla comezado a finais dos anos 90 vivirá nos vindeiros meses un dos seus fitos máis agardados: a peonalización, e polo visto bastante verde -algo moi demandado sobre todo nos últimos tempos- dunha das áreas máis emblemáticas da nosa cidade.

É tamén festexable o feito de que xa sexan tres partidos os que participaron e participan, dende gobernos municipais, deste proceso fundamental para a cidade: abriu a senda o de Joaquín García Díez (PP), colléronlle o relevo os de Jose Luis López Orozco e Lara Méndez (PSOE) e agora únese o equipo de Rubén Arroxo (BNG) con ese novo e aplaudido extra que supón a aposta polos espazos axardinados e arborados.

Próximamente teremos, á altura do que merece, un espazo simbólico e privilexiado para os nosos festivais e festas populares, para celebrar os triunfos dos nosos equipos deportivos, para eventos varios… e sobre todo para o goce diario de residentes na cidade e viaxeiros.

Despois do aplauso toca a crítica e o reto para eles -administracións- e tamén para todos nós: canto tardaremos en facer realidade o seguinte tramo? Cando poñeremos en valor -e in situ- os restos arqueolóxicos que saen á luz mes si e mes tamén na nosa cidade? Para cando un barrio histórico coma O Carme coidado, como mínimo, igual de ben que o Parque Rosalía? Para cando a peonalización e recuperación da Calzada Romana? Non esquezamos que o patrimonio e a beleza son goce, son felicidade, pero tamén economía -algo que precisamos para non ter que emigrar- e non só turística: Lugo ben pode aspirar a converterse nun centro de investigación arqueolóxica a nivel mundial… Só temos que convencernos delo.