Guido Álvarez: “Coidemos Lugo nace coa vontade de atender o noso patrimonio en comunidade”

Entrevista publicada no Nós Diario o 2 de setembro do 2020

Coidemos Lugo é un movemento social que nace ao abeiro da cidade amurallada coa vontade de xerar un sentimento de amor polo patrimonio, a natureza e os espazos públicos a través de accións de concienciación en positivo. Realizaron a súa primeira saída a pasada sexta feira, todo un éxito da man de Guido Álvarez, guía turístico e un dos maiores coñecedores dos segredos que agocha a cidade. Conversamos con el para coñecer máis polo miúdo esta iniciativa que aposta pola concienciación ao tempo que crea comunidade.

Como nace o movemento Coidemos Lugo?

Bota a andar a raíz dunha das rutas guiadas que organizo pola cidade, no marco dos “Paseos polo Lugo menos coñecido”. Durante esa camiñada, á altura do barrio do Carme atopamos unha desfeita, xa non só pola alta presenza de lixo, senón polo maltrato ao patrimonio, con varios muros a xunta seca derrubados. Nese momento, as persoas que estabamos no paseo que eu guiaba démoslle moita visibilidade ao que sucedera alí, por indignación e tristeza. Nas miñas publicacións animaba a que nos mobilizásemos para facer algo. Aí contactaron comigo varias persoas e, entre elas, o capitán do Breogán, Salva Arco, moi sensibilizado con esta temática. Os dous tiñamos condicións para organizar algo, mais faltábanos a parte técnica e decidimos contactar co concello, entidade que se mostrou moi aberta a participar. Así o iniciamos. Foi todo bastante espontáneo.

Que patrimonio garda o barrio do Carme?

É un barrio que teño moi mimado desde o meu proxecto. Preséntase practicamente rural, mais pegado ao centro histórico de Lugo, cunha cantidade enorme de patrimonio histórico e natural, comezando polas vías históricas, que son a vía romana XIX ou o camiño primitivo que pasa polo barrio. Ademais, aquí foi onde naceu o San Froilán, no século IX, que coincide no tempo coa primeira peregrinación a Compostela, que decorreu por Lugo. Todo isto son elementos que se van acumulando no barrio do Carme e aos que se van sumando o seu patrimonio natural e rural, polo propio carácter do barrio desde tempos antigos. E é que este espazo é marcadamente rural e xa na época medieval recibía o nome de “hortas dos bispos”, porque eran terras de cultivo da Igrexa, con acceso exclusivo para o clero. Desa historia tamén quedan os muros a xunta seca, técnica construtiva declarada patrimonio da humanidade desde 2018, que se condensan no barrio do Carme dunha forma extraordinaria. A igrexa dividía as hortas con ese tipo de muros a unha altura enorme. A nivel natural, Lugo é a única capital do Estado español recoñecida como reserva da biosfera pola Unesco. O valor histórico e natural deste espazo é enorme e precisamente por iso debemos coñecelo, valoralo e coidalo.

Como foi esa primeira limpeza en conxunto?

Citámonos un máximo de 25 persoas no barrio do Carme, onde fixemos unha limpeza de tres horas aproximadamente. Contamos co apoio do Concello, con ferramenta, carretillas, luvas, bolsas para o lixo e demais… Acondicionamos ese lugar e tamén conseguimos limpar algúns camiños do barrio. A verdade é que impacta moito ver o antes e o despois das fotografías. Agora decidimos crear perfís nas redes sociais, que vimos de abrir, baixo o cancelo #CoidemosLugo, para compartir información práctica de cara a accións futuras que fagamos sobre o coidado, o aprecio e o amor polo patrimonio da nosa contorna, do noso país. Aínda que o movemento é recente, xa viña fermentándose en certo modo de tempo atrás. Nós insistimos sempre en que a idea é concienciar desde o positivo, para facer parte dunha cidadanía activa e desenvolver accións que transmitan á xente a necesidade de coidar do noso patrimonio porque cremos que é o único modo de que todo o mundo se involucre. Queremos que teña gancho non só na limpeza en si, senón tamén na concienciación da xente.