A alternativa da historia

Artigo publicado no Nós Diario o 18 de agosto do 2020

Como dicía o mestre Carl Jung “a intelixencia é iso que usas cando non sabes que facer” e actualmente ese pensamento é recorrente… que facer nestes tempos de cambio? É unha pregunta que se repite buscando saídas sociais, culturais, económicas, persoais e colectivas.

O mundo do turismo non escapa ao dilema, e hai que utilizar a perspectiva para orientar o novo futuro. Xa falamos do beneficio de volver á natureza, e agora quero propoñer outro: a posta en valor dos patrimonios históricos herdados.

Dispoñemos dun extraordinario legado do mundo castrexo, e o mesmo sucede co patrimonio arqueolóxico romano. Sobre o Reino Suevo da Galiza estase a comezar a investigar e difundir… pero queda por facer unha tarefa fundamental: consolidar un relato histórico que non eluda o noso importante pasado, e que destaque o valor patrimonial dunha galeguidade non sempre apreciada. É necesario que esteamos “todos a unha”, e para iso débese estender o coñecemento cabal do noso pasado: ninguén ama o que descoñece, ninguén defende o que ignora: o coñecemento da nosa historia fará que sintamos orgullo polo noso, e a partir de aí virá a forza para emprender todos os novos proxectos. Seguiremos falando deste tema.