O turismo e a volta ás orixes

Artigo publicado no Nós Diario o 11 de agosto do 2020

Non diremos ningunha novidade se recordamos que dende a revolución industrial do XVlll a humanidade foise amontoando cada vez máis nas cidades esquecendo a que foi a súa relación orixinal coa natureza, e tampouco será difícil observar que o drama colectivo da pandemia acentuou a alerta ante esa forma de vida.

Os movementos ecoloxistas foron pioneiros na advertencia do desastre que poderiamos estar rozando, e algúns sectores do turismo fixéronse eco das demandas. As miñas experiencias de vida en varias zonas europeas (Abruzzo, Gran Londres, Auvergne-Rhône-Alpes, Campania, Baden-Wurtemberg, Pays de la Loire) axudáronme a apuntalar nos últimos dezaseis anos o meu convencemento sobre un novo turismo onde a natureza é protagonista, e no que a Galiza podería ser perfectamente líder e referente.

Un dos atractivos do novo modo de viaxar radica no reencontro cos arredores verdes das cidades, así como o descubrimento de novas rutas, novas sendas, sinais do pasado, arte como encontro social, ou o goce dos agasallos da natureza. Unha certa forma de volver ás orixes osixenando a vida cotiá… reinventando o noso lugar no mundo, sostible e de salvación.