O novo turismo: máis momentos e menos pose

Artigo publicado no diario La Voz de Galicia o 17 de xuño do 2020

Foto de Guido Guía.

Xa antes da crise sanitaria moitas tendencias -non todas, pero si bastantes- apuntaban a un modo de viaxar máis profundo, máis lento e menos banal. Era preciso, e agora aínda máis, deixar atrás o fast food das últimas décadas, a pose, os excesos… e pasar a un modo de viaxar -e de vivir, pois a vida non deixa de ser unha  viaxe- máis rico en vivencias, máis sostible, e máis sensible.

Que nos queda dentro tras 100 fotos apuradas nos abarrotados “10 lugares que non podes perderte de tal sitio” para que os amigos de Facebook saiban que marcaches chincheta? Que nos queda dentro tras probar os “5 pratos que non podes perderte de tal sitio” nos abarrotados restaurantes ós que vai todo o mundo? Non se trata de desprezar á Tour Eiffel ou ó sushi, pero era e segue sendo necesario ampliar miras e desfrutar máis do camiño…

Así como valoramos a biodiversidade dos espazos naturais, tamén deberiamos facelo cos lugares que visitamos: hai moita máis Barcelona que a Sagrada Familia e o Park Güell, hai moito máis Lugo que a Muralla Romana e a Catedral, hai moita máis Mariña que As Catedrais ou o Fuciño do Porco… hai xente, hai barrios, hai aldeas, hai estradas perdidas, hai moitos pequenos bares con moita historia ós dous lados da barra… temos que vivir máis e posar menos. Ata a Terra nolo pide.