Turismo sensorial no corazón de Lugo

Artigo publicado no diario La Voz de Galicia o 21 de xuño do 2020

Guido Álvarez guiou a persoas de máis de 80 nacionalidades polo barrio de O Carme

O barrio de O Carme é un oasis no medio da cidade. Un lugar bucólico, inspirador e cheo de historia que, ás veces, pasa desapercibido. Ten un potencial innato que o Guía Oficial de Turismo de Galicia Guido Álvarez soubo ver xa hai un temo. Ou máis ben dende pequeno, porque el creceu entre os regueiros que conforman o barrio. Este rapaz puxo en marcha O Lugo dos Sentidos, un dos 19 capítulos de O Lugo Menos Coñecido que comezou alá por setembro do ano 2019.

Ata agora, persoas de máis de 80 nacionalidade sumáronse a uns paseos guiados que tamén se centran en descubrir O Carme a través dos sentidos. A dinámica destes paseos organizouna Guido con Gus Kalamburu. Eles foron os encargados de guiar aos asistentes ata unha experiencia completa, que vai máis alá da información e que consiste no intercambio e na observación da historia e da natureza. Esta tamén é unha viaxe interior, que permite abrir os sentidos e capturar as sensacións que, aínda estando no corazón, ás veces non flúen.

O lucense Guido Álvarez organiza visitas sensoriais polo barrio do Carme (Fotografía: Óscar Cela)

Máis aló do presente

En O Carme, os sentidos viaxan máis alá do momento presente. Sendas, camiños, regueiros e corredoiras gardan pegadas de moitas xeracións de persoas e de animais. O barrio é virxe e está no corazón dunha cidade de case 100.000 habitantes. Parar, pechar os ollos, escoitar e ulir é unha viaxe a través de ducias de séculos.

Guido leva guiando polo barrio de O Carme cinco anos e cada vez son máis as persoas que deciden apostar por estes paseos. E non só turistas, tamén galegos e lucenses. Ao entrar en O Carme aparecen polos nas cunetas, gatos paseando e cas da man dos seus donos. Pero, desgraciadamente, tamén aparece lixo. Por iso, este guía considera que sería necesario investir nesta xoia oculta que está no corazón de Lugo. Ademais, este barrio precisa ser estudado dende a arqueoloxía, explica Guido, que tamén ve moito potencial turístico en O Carme e cre que as administracións deberían investir nesta zona da cidade. Por este barrio, pasa o Camiño Primitivo, “este é un lugar auténtico, non pode perder a súa esencia”, sentencia Guido.