Adra Pallón: unha ollada fotográfica lucense, comprometida, crítica e necesaria

Conversa-entrevista no Lugo Xornal e Galicia Confidencial o 15 de xuño do 2020

Esta “persoa curiosa cunha cámara colgada ao ombro” retrata a realidade para “dar respostas a preguntas”. No seu proceso, “primeiro está o diálogo e o sentir o problema”; despois, a imaxe. Velaquí unha nova conversa-entrevista de Guido Álvarez, que desta vez fala cun fotógrafo que se revela crítico: “Faltan oportunidades para que non teñamos un Lugo ao que só voltemos por morriña”

Adra Pallón na porta da casa do “Portu”, na Avenida de Madrid (Guido Álvarez Parga)

Curiosidades da vida, o lugar e o modo no que coñecín a Adra Pallón nada ten que ver cos lugares nos que a día de hoxe coincidimos ou quedamos para conversar. Foi na Pista Vermella, co seu irmán David, xogando una das infinitas pachangas de basket que bailaron os nosos pés durante as últimas décadas no chan lucense.

Máis adiante coñecín o seu lado científico, por ese portón de garaxe que os dous irmáns encheron de fórmulas como chiscadela do achegamento da ciencia ós viandantes… Agora, nos últimos anos, foi cando coñecín o Adra artista, o Adra creativo, o Adra activista… Un dos máis comprometidos que eu coñeza en Lugo.

Para continuar coa idea das entrevistas-conversas para o Lugo Xornal, vou tratar de coñecer máis a Adra, e tamén permitir que así o fagan os lectores deste diario.


GUIDO: Bo día, amigo Adra, un pracer traerlle ó Lugo Xornal e ós seus lectores as nosas conversas e reflexións conxuntas.

ADRA PALLÓN: Bo día Guido! O pracer é meu por interesarte no que ando traballando.  Eu non me considero un artista, máis ben unha persoa curiosa cunha cámara colgada no ombro que procura dar respostas a preguntas. Ao final en lugar de atopar respostas só acumulo cada vez máis e máis preguntas. A fotografía ao final é iso, facerse preguntas.

G: Recordas aquela primeira pachanga que xogamos xuntos na Pista Vermella? Que mudou en Adra dende aqueles tempos?

A: Recordo, aquela vez que acompañei ao meu irmán. Deixástesme xogar a pesar de apenas saber o que eran os dobres. Mudaron moitas cousas dende aquela. Un sempre está constantemente a mudar.

“non me considero un artista, máis ben unha persoa curiosa cunha cámara colgada no ombro que procura dar respostas a preguntas”

G: Xa levas como mínimo varios anos compartindo unha ollada fotográfica diferente en Lugo, unha perspectiva á que non estabamos habituados. Como comezou todo?

A: Comezou por puro azar. A miña talentosa e comprometida compañeira Belén mais eu mercamos unha cámara para facer un documental. Só pasaran un par de semanas ata que descubrín que tiña entre as mans algo máxico. A cámara era unha escusa e ao mesmo tempo o proceso para coñecer xente. Daquela comecei a pisar os movementos sociais. O camiño só podía ir nunha dirección. Foi a miña obsesión a que fixo o resto.

Proxecto "A Outra Festa", sobre os traballadores que fan posible o San Froilán. Sindo maquillándose antes de comezar a xornada (Adra Pallón)
Proxecto “A Outra Festa”, sobre os traballadores que fan posible o San Froilán. Sindo maquillándose antes de comezar a xornada (Adra Pallón)

G: Unha das cousas que máis me gusta do teu traballo é que cando vexo as túas fotografías sinto que hai unha conversa cos seus protagonistas, que o achegamento é sensible e real, e non unha mirada furtiva e interesada. Sénteste identificado con isto que digo?

A: Constantemente cuestiono todo o que fago coa fotografía. Sempre teño o crítico ensaio  Sobre a fotografía, de Susan Sontag, na cabeza. Nesta sociedade démoslle unha entidade especial á imaxe. Un claro exemplo é que certos gabinetes non aceptan que vaia o fotógrafo e si o plumilla a determinados eventos ou espazos. Isto dá moito que pensar.

O meu xeito de traballar é sempre dende a relación directa. Primeiro está o diálogo e o sentir o problema e logo o retratalo. Se non, as fotos coas que volves á casa non din nada.

“Faltan oportunidades para que non teñamos unha cidade á que só voltemos por morriña no período vacacional, esa é a triste realidade social”

G: Como rapaz novo pero con experiencias e vida nas costas, cal é a túa visión do Lugo actual? Hai algunha diferenza cos Lugos previos que viviches?

A: Vivimos nun lugar especial. Todos nos coñecemos, temos o rural ao carón e é unha cidade tranquila. Creo que sempre foi así e sempre o será. Cústame ver ese cambio de Lugo a mellor do que se fala nos últimos anos. Na última campaña electoral vin un spot cheo de xente nova. Creo que é moi indicativo de que non se está a poñer sobre a mesa o Lugo real. Cantos dos que xogaban aquelas tardes na Pista Vermella quedamos en Lugo? Faltan oportunidades para que non teñamos unha cidade á que só voltemos por morriña no período vacacional, esa é a triste realidade social. Esa é pola que temos que traballar e loitar. Loitar como o están a facer estes días na Mariña.  Eu mesmo estou barallando marchar ao rematar un proxecto que estou financiando cos meus aforros.

"Lidia e Celestino na súa horta. Fotografías realizadas para o proxecto A Praza de Abastos" (Adra Pallón)
Lidia e Celestino na súa horta. Fotografías realizadas para o proxecto A Praza de Abastos (Adra Pallón)

G: Que referentes tes?

A: Estudei e estudo todos os días obras de fotógrafos clásicos e contemporáneos de todo o mundo. Ao final queda o pouso dos que teñen un discurso fotográfico honesto coa súa biografía e pensamento. Se existe un xenio da fotografía ao que citar ese é Xosé Marra. Terían que facerlle unha exposición permanente xa, porque supuxo un antes e un despois na fotografía de Lugo.  Coñecín a súa obra logo de estudar moitos clásicos e ao velo dixen para min mesmo: “Pero se tiña aquí ao lado un gran referente”. Teño que estar agradecido do que aprendo todos os días dos compañeiros gráficos dos xornais locais. Eles deixan un documento para a historia.

"Proxecto "A Outra Festa", sobre os traballadores que fan posible o San Froilán" (Adra Pallón)
Proxecto “A Outra Festa”, sobre os traballadores que fan posible o San Froilán (Adra Pallón)

“Ao final queda o pouso dos que teñen un discurso fotográfico honesto coa súa biografía e pensamento. Se existe un xenio da fotografía ao que citar, ese é Xosé Marra”

G: Cóntanos algo da túa traxectoria, de como ves a túa propia evolución

A: Comecei cunha serie que se chamaba “Artistadas desprovistas de contido non mudan nada non cambian nada”, pero pouco queda do que expresaban aquelas fotografías. Dende que comecei coa fotografía teño que dar as grazas a moitas persoas, porque creo que me están axudando a atopar un estilo e sobre todo unha calma no acto fotográfico. A miña familia e a miña compañeira aguántanme que todos os días da semana traballe na fotografía. A nivel artístico María Vázquez, profesora na EASD Ramón Falcón axudoume moitísimo con algunha conversa marabillosa. As persoas que están detrás do Primo de Banksy son o meu exemplo a seguir en canto a discurso e honestidade, aprendo constantemente deles.  A evolución, se chega, será grazas a iso: compartir, estudar moito e gastar moitas zapatillas na procura de respostas.

G: Moitas grazas, amigo, e que sexan moitas conversas máis

"Barricada durante as protesta ante o anuncio do despido de traballadores por parte de Alcoa" (Adra Pallón)
Barricada durante as protesta ante o anuncio do despedimento de traballadores por parte de Alcoa” (Adra Pallón)