Santiago Iglesias, o mozo de vinte anos gardián do templo do Carme

Conversa-entrevista no Lugo Xornal e Galicia Confidencial o 10 de xuño do 2020

A sabedoría oral espertou o interese de Santi pola historia da igrexa do Carme, a vella ermida da Virxe do Camiño. Agora é el quen a divulga e quen coida da riqueza dun dos templos “máis belos, históricos e descoñecidos de Lugo”. Se na cidade fósemos máis ambiciosos e valorásemos o noso patrimonio, “poderiamos converternos na Mérida do norte”, asegura nesta entrevista-conversa con Guido Álvarez

Santiago Iglesias, na porta da igrexa do Carme, explicando a súa historia (Fotografía: Guido Álvarez Parga)

Coñecín a Santiago Iglesias o pasado 2019 a través de Antonio de los Ojos, o presidente da Confraría do Carme. Ambos contactaron comigo para contarme o naquel momento novidoso presente da igrexa, que vivía unha gran reapertura ó público tras décadas de escasa actividade. Dende entón, a conexión foi absoluta e o amor polo noso barrio xestou unha sinerxía promotora do mesmo que seguimos alimentando mes a mes e ás veces semana a semana.

Santi, como lle gusta que lle chamen, é un apaixonado estudante de Filoloxía Clásica na USC. Pero máis alá da súa formación regrada, é un entusiasta da historia do mundo, de Lugo, e sobre todo do barrio do Carme. Dende hai anos coida da capela e dende a súa reapertura instrúe a todos os visitantes na historia dun templo histórico que rexorde con forza neste século XXI.


O APEGO AO PATRIMONIO

GUIDO: Cando nace a túa conexión co barrio do Carme, Santi?

SANTI: Certo é que malia que colaboro coa Confraría dende hai anos, a miña relación co barrio vén fraguándose principalmente durante o último. Previamente ía en contadas ocasións a desempeñar os labores que se requirisen, pero é a partir do impulso cara a esta zona da cidade por parte do teu proxecto cando comecei a estar máis vinculado a ela. Obviamente a Confraría está directamente interesada na mellora do barrio e polo tanto tamén os seus colaboradores.

G: Que podes contarnos da túa experiencia neste tempo de salvagarda do templo? Que impresión transmiten os visitantes sobre o que ven na igrexa do Carme?

S: Colaborar na capela resulta ser un fenómeno moi fermoso. Non podo evitar sentirme parte dunha cadea de persoas que ao longo de séculos, co seu esforzo desinteresado, permitiron que hoxe en día poidamos gozar deste patrimonio cultural. É, polo tanto, case unha obriga procurar que tantos esforzos non sexan vans. Neste sentido, o que máis adoita sorprender os visitantes, sobre todo aos locais, é o seu relativo bo estado de conservación. Moitos lucenses pensan que a capela se atopa en estado ruinoso e levan unha grata sorpresa ao comprobar que, a pesar dos problemas nas bóvedas, non é así. Ademais, a xente coincide ao considerala unha das igrexas máis belas á vez que descoñecidas de Lugo.

“SÍNTOME parte dunha cadea de persoas que ao longo de séculos, co seu esforzo desinteresado, permitiron que hoxe en día poidamos gozar deste patrimonio cultural”

O LEGADO DA SABEDORÍA ORAL

G: Quen che ensinou todo o que sabes sobre a igrexa?

S: Podería mencionar aquí a miña antiga profesora de arte, a historiografía convencional e os libros adicados a ela… Pero principalmente a sabedoría oral. Tiven a sorte de colaborar co antigo presidente, Nicolás, que coñecía perfectamente a historia da Confraría e a capela. El íama narrando a modo de fascículos, a medida que se ía acordando ou saía un tema propicio. Creo que na nosa sociedade dáse moi pouca importancia á sabedoría oral, que a min tanto me ensinou.

Santiago Iglesias na Praciña do Carme, explicando a historia do nacemento de San Froilán no barrio (Fotografía: Guido Álvarez Parga)
Santiago Iglesias na Praciña do Carme, explicando a historia do nacemento de San Froilán no Regueiro das Hortas (Fotografía: Guido Álvarez Parga)

A HISTORIA DA CAPELA

G: Xa sabes que hoxe en día o Camiño Primitivo está en pleno auxe. Fálanos un pouco da relación da igrexa coa peregrinación a Compostela e coa Virxe do Camiño

S: A capela atópase na saída de Lugo cara a Santiago de Compostela seguindo o trazado do Camiño Primitivo. Iso fai deste un lugar de paso obrigatorio para os peregrinos que seguen este trazado. Grazas a isto, e quizais seguindo o ronsel dun antigo templo romano na honra aos Lares Viais, construíuse en época medieval unha capela na honra á Virxe do Camiño, unha advocación non moi común. Sobre o solar que ocupaba erixiuse no século XVIII a actual capela do Carme, pero conservamos elementos da antiga construción, como dous retablos laterais barrocos e a talla da Virxe do Camiño, do século XV.

“seguindo o ronsel dun antigo templo romano na honra aos Lares Viais, construíuse en época medieval unha capela na honra á Virxe do Camiño, unha advocación non moi común”

G: Nas visitas falas da posible existencia de templos pretéritos no lugar, incluso previos á ermida da Nosa Señora do Camiño. Explícanos un pouco sobre isto.

S: Hai quen apunta á existencia dun templo romano, probablemente na honra aos Lares Viais. Esta hipótese xorde por parte dalgúns estudosos. Quizais o que máis o defendeu sexa Carlos Sánchez-Montaña. Creo lembrar que tamén, entre outros, sosteno Adolfo de Abel. Esta teoría estaría moi vinculada á que establece a existencia do anfiteatro no solar que hai diante da capela.

Non sería raro pensar nunha cristianización dun antigo templo pagán. É algo moi frecuente, e máis se establecemos a relación entre os Lares Viais (patróns dos viaxeiros na relixión romana) e a Virxe do Camiño.

Santiago Iglesias, no interior da igrexa do Carme, contando a súa historia (Fotografía: Guido Álvarez Parga)
Santiago Iglesias, no interior da igrexa do Carme, contando a súa historia (Fotografía: Guido Álvarez Parga)

PARA AFRONTAR O FUTURO

G: Que futuro lle ves ó barrio? Como che gustaría que fose O Carme no 2050?

S: Desde o meu punto de vista, e sen coñecemento de ata que punto é posible ou non, a miña opción sería restaurar e reocupar as casas da rúa do Carme como se está tentando facer na Tinería e tentar acondicionar da mellor maneira as zonas verdes que rodean o barrio. Convertela nun lugar onde os lucenses poidan entrar en contacto coa natureza, e ir pasear, como o fan polo paseo do río.

“deberiamos investir en preservar os nosos restos, non volvelos a soterrar, como pasou co castro da Piringalla. Manter os achados arqueolóxicos custa diñeiro, pero xera cultura, autocoñecemento e fomenta o turismo”

G: Sei que che gusta viaxar, hai pouco estiveches en Grecia… Coñecendo o mundo e sendo capaz de comparar, que podes dicirnos como profesional e como viaxeiro sobre o potencial que lle ves a Lugo como destino cultural?

S: Creo que en Lugo estamos a ser moi pouco ambiciosos. Poderiamos converternos nunha Mérida do norte, unha cidade que atraese a moitos máis turistas polo seu patrimonio histórico. Con todo, a falta de publicidade, sumado á carencia de financiamento neste sentido, impídennolo. Considero que deberiamos investir en preservar os nosos restos, non volvelos a soterrar, como pasou, por exemplo, co castro da Piringalla. Manter os achados arqueolóxicos custa diñeiro, pero xera cultura, autocoñecemento e fomenta o turismo. Se aumenta a conciencia a este respecto, creo que Lugo terá un gran futuro como destino cultural.