SuperQuique, un pioneiro videoxogo lucense para promover o comercio local en todo o mundo

Artigo escrito para o Lugo Xornal e Galicia Confidencial o 2 de xuño do 2020

O comercio local está feito de persoas, e os seus promotores tamén o son. David Parra Lezama é un venezolano apaixonado por Lugo que leva varios anos promovendo o comercio local lucense dende La Q-Ponera de Quique: agora, cun videoxogo pioneiro que leva a mesma filosofía.

Poucas ideas tan fortes e compactas para un momento no que son máis precisas que nunca. O venezolano David Parra Lezama, coa súa chispa e contaxiosa ledicia, leva anos defendendo como poucos o comercio local lucense dende o seu proxecto La Q-Ponera de Quique. Nestes meses de confinamento, a súa emprendedora e creativa mente non parou de botar fume, e o resultado é un proxecto absolutamente innovador e pioneiro.

“SuperQuique ó rescate do comercio local” é con seguridade un dos primeiros videoxogos que teñen a Lugo como escenario, e, con seguridade, un dos primeiros videoxogos do mundo construídos para defender o comercio local. Como?

O VIDEOXOGO

Coas súas primeiras fases xa dispoñibles en liña, SuperQuique é unha evolución da coñecida personaxe lucense de Quique, ese simpático boneco presente en tantos comercios e barras de bares da cidade. Se este xa levaba anos dándonos a coñecer os comercios locais dende La Q-Ponera, nesta crise sanitaria sacou do seu interior todas as forzas do mundo para converterse nun superheroe que chega incluso a voar para axudarlles ás carniceiras, ós ferreteiros ou panadeiras lucenses.

A portada do primeiro videoxogo de SuperQuique, en Lugo

“SuperQuique é unha iniciativa que pon rostro e historia a un movemento social a nivel mundial por rescatar o valor da compra no noso comercio local como estratexia para manter vivas as nosas cidades. Dun modo lúdico facemos que o cidadán reflexione sobre a importancia de ser partícipe activo na sostibilidade do delicado tecido social, comercial e ata turístico do que dependen as nosas cidades ante a irremediable avalancha que supón o comercio en liña e a súa influencia nos hábitos de consumo da sociedade. Con isto tentamos á vez fomentar no comercio de barrio a conciencia sobre o necesaria que é a adaptación ás novas tecnoloxías para competir en igualdade de condicións ou polo menos tentando equilibrar a balanza”, dinos o seu creador David Parra Lezama.

A visita a comercios locais é unha obriga durante as distintas fases do videoxogo

OS RECUNCHOS DA CIDADE

Paseando por Lugo con SuperQuique imos descubrindo —é incluso obrigatorio para superar as fases mercando chaves ou resolvendo misterios— infinidade de comercios da cidade e os seres humanos que están detrás deles.

Ademais, no videoxogo, paseamos por espazos icónicos de Lugo como a Casa Consistorial, a Catedral, a Muralla Romana, a Praza do Campo, o Miliario de Armanyá ou ata os característicos plataneiros da Avenida Ramón Ferreiro. “Unha excelente forma de promover o turismo, pois os lucenses podemos enviarlles ós nosos amigos o link de cada cidade e convidar a que coñezan a nosa historia e os nosos atractivos turísticos mentres xogamos. É de sobra sabido que xogando é como mellor aprendemos e recordamos”, dinos David.

DE LUGO AO MUNDO

Esta iniciativa ten como punto de arranque Lugo, pero David ten en mente facer un videoxogo para cada cidade de Galicia e incluso para outras cidades de Europa que xa o reclamaron: “En Aachen (Alemaña) xa estamos iniciando conversas por medio dunha axencia publicitaria desa cidade que se interesou polo noso modelo de negocio para repetilo no seu país”.

David Parra Lezama, un emprendedor e creativo venezolano que aposta por Lugo

Non lle falta razón a David, o momento é o idóneo para botar unha lanza en favor desas pequenas grandes persoas que lle dan vida ás nosas rúas, barrios e parroquias.