A muralla verde: Lugo, capital do mundo novo

Artigo publicado no diario La Voz de Galicia o 31 de maio do 2020

Carril habilitado na ronda para pasear (Foto: Alberto López)

Dous meses e medio de histórico confinamento serviron para moitas meditacións, e no caso de Lugo tamén para apuntalar e materializar vellas ideas pendentes. Neste século XXI quedaban poucos que non visualizasen con entusiasmo unha continuación das peonalizacións da cidade: agora, con eses conos e sinais de prohibido o paso, todos vemos ilusionados que ese soño pode facerse realidade antes do previsto.

A Muralla Romana e a súa contorna, o bimilenario barrio de Recatelo, a rúa Mallorca e ángulos de Augas Férreas están a ser un tímido pero revolucionario avance e proba do mellor que pode ser Lugo se aposta forte polo que a fai única e diferente no mundo: unha cidade “à taille humaine” como dirían os franceses, cun patrimonio histórico inédito a nivel mundial, e cunha conexión co mundo rural que nestes tempos é motivo de envexa dende moitos recunchos do planeta.

Non por casualidade decatáronse as administracións nos últimos anos, e sobre todo neste 2020, do valor dos barrios rurais de Lugo e do agochado patrimonio da cidade que aínda queda por destapar e poñer en valor: O Carme é xa -aínda que falta moito por facer- o referente que todos agardabamos, e nestes tempos de pandemia global semella que pode converterse nun verdadeiro paradigma para o novo mundo: vida sostible nas urbes.

Falando nas redes sobre o futuro xurdía unha vez o modelo de varias cidades escocesas como exemplo de zonas monumentais rodeadas dun intenso verde. Ese espello non tan distante para a Muralla, A Tinería, O Carme, A Ponte, ou Recatelo, semella a posible guinda -superando á peonalización gris- para un Lugo que ben podería aspirar, nesta primeira metade do XXI, á capitalidade verde europea. Diría máis: á capitalidade do novo mundo.