#RecordandoLugo, o novo reto da corentena que anima a compartir fotos antigas da cidade

Artigo publicado no Lugo Xornal o 20 de abril do 2020

Que historias e vivencias persoais se agochan tras daqueles retratos tomados na Praza Maior, nas beiras do Miño ou no barrio da Milagrosa? O guía de turismo Guido Álvarez lanza unha iniciativa para lembrar o Lugo do pasado.

Estas semanas de confinamento deixan tempo para furgar nos caixóns e descubrir obxectos, imaxes e lembranzas que criamos medio esquecidas. Xustamente diso vai o novo reto colectivo que propón Guido Guía nas redes sociais. #RecordandoLugo, que así se chama a iniciativa, anima a compartir fotografías antigas da cidade.

Como eran as rúas de Lugo hai quince, vinte, corenta ou sesenta anos? Que historias e vivencias persoais se agochan tras daqueles retratos tomados na Praza Maior, nas beiras do Miño ou no barrio da Milagrosa? Este “novo reto para seguir construíndo memoria lucense” xurdiu a semana pasada no Twitter, pero os participantes poderán subir as súas imaxes a calquera rede social baixo o hashtag #LugoFavorito.

O guía de turismo Guido Álvarez é moi amigo de lanzar campañas nas redes sociais, como o xa coñecido #LugoPatrimonioMundial ou o máis recente #LugoFavorito, que xa xuntou centenares de textos nos que a imaxinación burla o estado de alarma e acode a eses lugares de Lugo evocados por escrito.