Memoria colectiva (La Voz de Galicia)

Reseña publicada no diario La Voz de Galicia o 31 de marzo do 2020

Outra das iniciativas que estes días está tendo moito éxito a través das redes sociais é a que puxo en marcha Guido Guía, o Lugo Favorito, que busca animar aos cidadáns a que compartan cales son os seus lugares (ou recordos) favoritos de Lugo. Trátase de escribir en redes, ou en papel (e logo facerlle unha foto aos escritos) para contalo, sen fotografías, e utilizando o hashtag #LugoFavorito: «Son estes días para viaxar polos nosos recordos, e tamén días para voar coa nosa imaxinación a eses lugares ós que iremos en canto todo isto pase. Un bo momento para facer memoria colectiva e tamén para poñer en valor as belezas e riquezas da nosa cidade», explica Guido Álvarez. A iniciativa está tendo tan boa acollida -nos primeiros sete días xa reunira máis dun cento de escritos- que o guía xa está pensando en organizar, para «cando todo pase» unha exposición cos textos participantes, un paseo polos lugares elixidos e, «por que non?, editar un libro» para «seguir construíndo a memoria colectiva»