Os lucenses soñan con visitar o seu #LugoFavorito tras o confinamento

Artigo publicado no Lugo Xornal o 30 de marzo do 2020

O guía de turismo Guido Álvarez lanzou unha proposta nas redes sociais para compartir por escrito as lembranzas dos sitios máis apreciados por cadaquén dentro da cidade.

“Son días para viaxar polos recordos e para deixar voar a nosa imaxinación a eses lugares aos que iremos cando todo isto pase”, escribía a semana pasada o guía de turismo Guido Álvarez Parga nas súas redes sociais. Con este texto daba comezo a unha nova iniciativa para poñer en valor a cidade das murallas. Desta vez, a súa proposta baseábase en aproveitar a corentena para compartir por escrito lembranzas do #LugoFavorito de cadaquén.

A idea de Guido Álvarez é a de xuntar unha morea de textos escritos a man —sen fotos— nos que a veciñanza de Lugo saque a súa “vea creativa” para aportar memorias sobre “a beleza” da cidade. Nos últimos sete días, sumáronse á iniciativa máis de 100 persoas en Twitter, Facebook ou Instagram. Entre elas, tamén algúns políticos lucenses como Óscar Poy, Paula Alvarellos ou Antonio Ameijide.

Como broche final, organizarase un paseo guiado por todos eses lugares favoritos que se foron compartindo na rede. Mesmo queda no aire a posibilidade de artellar unha exposición  ou publicar un libro para darlles saída a eses textos. Iso será cando “todo isto” pase. Mentres, toca soñar co exterior.