Unha radio lucense na metrópole barcelonesa

Reportaxe publicada no Lugo Xornal e Galicia Confidencial o 25 de febreiro do 2020

Coñecín a Armando Fernández e a Xulio Couxil cando comecei a miña andaina como autónomo hai uns meses. O primeiro deles contactoume para facerme unha entrevista sobre o turismo de Lugo, e posteriormente conversei con eles na famosa Radio Sant Boi. Unha radio lucense na metrópole barcelonesa

Dende entón, quedei namorado do proxecto radiofónico destes dous orgullosos galegos e lucenses (sobre todo Armando, nacido en Navia) que son nada menos que uns dos máis antigos -por non dicir directamente os máis antigos- locutores en galego da radio catalana.

Máis de corenta anos ás súas costas os avalan, e agora, xa entrados na setentena,  seguen presumindo de galeguidade nas ondas dunha das cidades do mundo.

Consciente do meu privilexio de telos coñecido, de ter colaborado, e de seguir colaborando con eles, apetecíame compartir dende o Lugo Xornal unha conversa natural e espontánea con estes dous baluartes da nosa cultura.

  • Armando, fálame un pouco da túa historia na radio catalana. Como comezaches a túa aventura e por que?

Se di que fun un dos primeiros que comecei a falar galego nas ondas en Barcelona aló polo ano 1983. Comecei da man de Roberto Castro (do Incio, Lugo) e despois con Paquita Alvarez (do Corgo, Lugo). Facía as miñas colaboracións con outras radios que emitían en galego, en Santa Coloma ou en Cornellà e Sant Boi. Dende o 2012 teño o pracer de participar nesta andaina galega con Xulio en Radio Sant Boi. Facemos dous programas de radio en dúas emisoras distintas. En Radio Sant Boi (Galegos no Baix ) os xoves de catro a seis da tarde, e en Radio Cornellà os sábados de seis a oito do serán. Ambos os dous en lingua galega, tanto a musica coma os contidos. Todo en galego.

  • Xulio, como foi no teu caso?

Nos anos 80 tiñamos unha emisión en “Radio Nou Barris” que chamabamos “Saudade”, como a Entidade que nos patrocinaba. Despois, no 1986 participei, xunto con  Manuel Rodríguez Julián e Henrique Fernández Mon Sánchez na posta en marcha do “Sempre en Galicia”… e puxemos a andar en 1995 este “Galegos no BAIX” de Radio Sant Boi. Tivemos un pequeno parón e retomamos este programa no 2012, xunto con Armando. Esta experiencia é moi engaiolante.

  • Armando, fálame un pouco da túa Navia, da túa infancia, dos teus recordos…

Son Armando Fernández López, nacido e Liñares de Queizán, a Proba de Suarna (Lugo). Fun un neno feliz na miña aldea, á que eu lle chamo a terra da Carqueixa. Fun neno feliz de aldea onde me sentía libre e tamén  fun á escola de mestras e mestres de ferrado… despois da escola axudaba nas labores miúdas do agro, iso é o que ten ser fillo de labregos. Os Ancares é unha terra chea de agarimo, e cores de vales fondos, onde se poden distinguir ata 8 cores, onde o tempo pasa engorde, para poder ollar tantos cores e ventiño que respiras sendo o primeiro que non respirou ninguén.

A Proba conta con un castelo, unha ponte Romana e un rio troiteiro a onde foron persoeiros a practicar a pesca. O río Navia é un río famoso, que morre no mar Cantábrico… A Proba de Suarna foi noutros tempos unha gran puxanza de viñedos e adegueiros, na pequena aldea de Coea aínda se conservan algúns viñedos e tres adegueiros, pero por mor da despoboación isto foi esmorecéndose como moitas outras cousas… cando nunha aldea sae fume pola cheminea é que hai vida… se non sae, é que está pechado.

  • Xulio, sei que es de Ourense e me encantaría preguntarche pola túa terra… pero como esta entrevista é para o Lugo Xornal, teño que exercer de lucensismo… que significa Lugo para ti? Cales son as túas lembranzas e vínculos ca cidade e ca provincia de Lugo?

Claro que son de Ourense… galego ao fin e ao cabo. Que significa Lugo para min? Pois unha provincia da que temos que sentirnos moi orgullosos e gabarnos da súa xente e do seu patrimonio. Como cidade coido que ten unha das xoias arquitectónicas romanas máis importantes de Europa, entre outras cousas… Pero que che vou dicir eu a ti que traballas ensinándolla aos teus visitantes? As miñas lembranzas e vínculos están relacionadas coas visitas persoais que fixen de mozo, acudindo a algunhas festas, especialmente ao San Froilán. Despois, cando me establecín en Barcelona, tan só aproveitaba a ocasión para acompañar a meu pai a algunha “paparota” que argallaba cando ía a visitalos, no verán, na Semana Santa ou no Nadal.

Os meus vínculos ca cidade de Lugo están relacionados coa miña formación académica, cando estaba na universidade, facendo algunha que outra xuntanza de amigos e coñecidos para visitar a persoeiros de relevancia, como  Ánxel Fole e outros…

  • Esta para ambos: como se vive a galeguidade e a morriña na diáspora? Eu vivino 4 anos en varios países, e teño moito que contar… vós imaxino que moito máis. E por último: que significa ser galego en Barcelona? Unha aperta xigante para os dous e grazas por terme aberto as portas do voso mundo.

Armando: Ser Galego sigo sendo… un mais… como un nativo digo: somos os galegos do Mediterráneo, son mudado de domicilio, non me sinto emigrante, para min ser galego en Barcelona é algo moi emotivo, por sermos xente responsable, traballadora, e serios… case nos sentimos como na nosa terra, o sermos tantos, e levar tantos tantos anos… Aquí un setenta por cento da hostelería é galega, por iso algo disto é galego. Despois están os centros, asociacións culturais onde se fomentan tamén a nosa cultura e tradicións… como en distintos programas de radio de distintas emisoras. Por iso a morriña vivímola ben

Xulio: A miña galeguidade é a miña forma de ser alí onde me atopo. Non fago moita diferencia, procuro adaptarme ao lugar onde estou, tal e como me ensinaron os meus antergos rememorando aquel refrán: “Na terra dos lobos oubea coma eles”. Nunca me sentín marxinado. Exerzo de galego e respecto a cultura na que me atopo, procurando aprender dela. Síntome valorado no que fago e procuro amosar todo aquelo que me parece importante para que coñezan todo o máximo posible a nosa cultura.