O basket de rúa e o amateurismo serán homenaxeados con arte urbana na Pista Vermella

Artigo escrito para o Lugo Xornal e Galicia Confidencial o 28 de febreiro do 2020

Esta semana lanzamos nas redes o hashtag #MuralPistaVermella e posteriormente #MuralCristinaSeijo na busca da homenaxe popular á gran historia do deporte lucense, ó amateurismo deportivo tan importante para a sociedade, e tamén ó basket de rúa

Todo comezou, como tantas iniciativas do mundo de hoxe, cun simple chío en Twitter. Unha tarde de basket, unha idea contundente e unha masa social dando apoio e forza: uns días despois, #MuralPistaVermella vai camiño de converterse en realidade este mes de xuño (na V edición do 4×4 que se organiza anualmente dende o 2016).

É certo que a idea inicial foi miña (Guido Álvarez) e así o asumo para ben ou para mal. En principio parece que para ben, pois non houbo ningunha crítica pública e o 99% da xente consultada en privado está de acordo coas figuras elixidas para eses dous murais.

A PRIMEIRA PEDRA DUN POSIBLE PROXECTO PARA TODA A CIDADE?

O mellor de todo isto é que as redes non só reforzaron a idea, senón que sumaron máis posibilidades para un posible gran proxecto para poñer en valor non só o basket e a súa enorme historia en Lugo, senón a historia deportiva da cidade en xeral: piragüismo, volei, tenis, fútbol, triatlón…

A primeira persoa que sumou unha nova idea foi Francisco López Borrajo (rapaz de 21 anos formado no Cidade de Lugo e que xogou en varios clubes da cidade), máis coñecido coma Chisco, que na primeira publicación de Instagram sobre o tema propuxo a idea de estender o proxecto á vella Frigsa e homenaxear á gran Cris Seijo (que xa dá nome ó pavillón de basket, pero que merece todas as homenaxes do mundo por ter enganchado a tantas xeracións de lucenses ó baloncesto) tralo seu falecemento hai preto de dous anos.

#MuralCristinaSeijo converteuse tamén en realidade e aí chegou a recollida de luva por parte do Concello de Lugo, esta mañá en twitter:

Tras esta moi positiva manifestación por parte do Concello de Lugo quedamos entusiasmados e só xeramos un pequeno debate máis: deben as administracións, neste caso o Concello, custear o cen por cen dunha acción de embelecemento destes espazos públicos? Nós cremos que si. E intuímos pola seguinte resposta que eles tamén… pero haberá que seguir agardando un pouco máis.

Ó longo destas horas recibimos chamadas de varias empresas da cidade interesadas en apoiar non esta iniciativa (que tamén consideran debe ser pública), pero si en estendela a outros espazos da cidade. Sería marabilloso! Poñer en valor en todos os barrios da cidade o gran potencial e historia que ten o deporte aquí.

Eu volvín dar unha idea máis… por que non dar un seguinte paso pintando ás lendas do C.B. Breogán e do Ensino no Pazo dos Deportes ou no Vello Municipal? Penso que sería espectacular.

O PROXECTO DO MURAL DA PISTA VERMELLA

Os asiduos á Pista Vermella non necesitan preguntar quen son Marcos Calles, Danini e Jose (son con diferencia as tres persoas que máis horas pasaron neste templo do basket de rúa lucense ó aire libre), pero moitas outras persoas interesáronse en saber quen son estes tres emblemas da cancha de rúa máis famosa do occidente europeo:

MARCOS CALLES

Marcos Calles é a persoa máis famosa da Pista Vermella. Os asiduos a ela fanse sempre a pregunta: quen estaba aí antes, Marcos Calles ou a Pista Vermella? Seguro que a resposta é a primeira. Xogou no Estudiantes, no Universidade Breogán, no C.B. Sarria…, pero sobre todo na rúa Cornubia. En inverno, en outono, en primavera, pero especialmente no verán… non hai ningunha cara máis coñecida nestas coordenadas do mapa lucense.

Naceu no ano 1974, é doutorando en Historia da Arteprofesor de Historia no Seminario de Lugodiplomado en Maxisteriograduado en Historia da Artemáster en Investigacion Histórica-Artística e sobre todo “xogador de numerosos 3×3”, como me di por teléfono. Un tipo grande que máis alá de bo baloncestista é un gran exemplo como persoa para os máis novos que frecuentan a pista.

JOSÉ DANIEL EIRIZ GONZÁLEZ “DANINI”

Danini, como é coñecido por todos, é outro dos referentes absolutos da Pista Vermella. Xogou en Chantada, Estudiantes, Sarria, Xove, Buena Vida, Y que Dure, Porta de Santiago, Pista Roja, actualmente no C.B. Terra Chá… Ten 41 anos (nado no 1978) e ademais dunha das tres caras máis frecuentes na pista, tamén é “aborixe” do barrio e da pista: “Nacín e medrei en Fingoi, na rúa Trébol. Levo toda a vida xogando nas pistas e comecei na de diante do Illa Verde. Cando fixeron esta puxeron unhas canastras con rodas e alá marchamos pola maior afluencia de xente”.

Todos os anos celebra os seus cumpreanos (23 de agosto, coma Kobe Bryant, á parte de ter nacido no mesmo ano ca el) convidando a todos os presentes da pista a bebidas e froitos secos. É famoso por ser o mellor matador ou dunker (co permiso de Tyson Pérez, Devin Wright, Aitor Vázquez, Gullit Mukendi, Fernando Vidal, Charles Nkaloulou, Marcelo Egidio e outros fenómenos) ó leste e ó oeste da Pista Vermella. Foi campión do cuarto concurso de mates da Pista, pero leva décadas dando espectáculo tanto nel coma noutros ó longo de toda a xeografía galega.

Dani é, coma tamén Marcos e Jose, unha desas persoas que fan comunidade. Que integran. Nenos, maiores, lucenses, estranxeiros, veciñas que pasan e saúdan… todos son amigos de Dani, o máis “pistarrojeño” (xentilicio usado por todo o grupo da pista) de todos. “Desde a Pista vexo medrar ós meus fillos e despídome dos meus pais”, di en referencia ó sentido falecemento destes últimos o pasado 2019. Un tipo familiar, de corazón, mestre de queimadas nos torneos de verán de Viveiro e sobre todo bo amigo.

JOSE EUGENIO GARCÍA BECEIRO 

Se falamos do exemplo de Marcos e Dani en moitos sentidos, Jose non se queda curto. Nado no 1969 leva sendo o asiduo máis veterano da pista durante case unha década. Vai camiño dos 51 e, sen embargo, falta menos á cita co basket que moitos adolescentes.

É axente de seguros, afeccionado a moitos deportes, pero sobre todo ó basket e ó rugby. Transmitiulle a paixón deles ó seu pequeno fillo que, como os de Dani, vén de cando en vez pola pista. Leva practicando baloncesto 39 anos de forma ininterrompida.

Actualmente só é un dos colaboradores da organización do 4×4 (do cal é líder Adrián López, outros dos que merecerían unha homenaxe) pero no pasado foi presidente da asociación que levou ó deporte federado ó primeiro e único equipo da Pista Vermella en toda a historia: “estabamos Danini, Rafa Ratón, John, Rafa o cordobés, Devesa… unha banda de carallo” , di entre risas por teléfono o pai de todos.

TRES MESES DE MARXE PARA OS ARTISTAS

O Concello de Lugo propuxo iso nese chío. Tres meses para que os artistas presenten os seus bocexos. Os famosos Concepto Circo, Otro Prisma, Leandro Barea, Primo de Banksy e outros graffiteiros e artistas da cidade terán toda a liberdade do mundo para expresarse nese concurso… Confiamos plenamente neles. De seguro había moitas outras persoas que poderían ter sido incluídas na homenaxe, pero triunfaron estas tres. Os máis veteranos, os que máis horas pasaron na Pista Vermella, os que nunca ninguén podería non mencionar. Para o vindeiro (as paredes son moitas), queremos que haxa algunha xogadora, algún inmigrante, algún dos rapaces novos que puxan verán tras verán nos partidos…, pero para iso primeiro haberá que vir con frecuencia (sobre todo iso, e aí tirámoslle das orellas ás rapazas por non vir máis) e sobre todo triunfar baixo a lei da Pista Vermella: “ser grandes persoas”.