Reportaxe sobre #OLugoMenosCoñecido e Guido Guía no diario El Progreso

Reportaxe do diario El Progreso de Lugo, publicada o 22 de febreiro do 2020

UN LUGO PARA LUCENSES

Para celebrar o Día Internacional do Guía Turístico retamos a estes profesionais a sorprender os lugueses con recunchos de visita imprescindible na súa propia terra. Por Pilar Cheda

ONTE celebrouse o Día Internacional do Guía Turístico e para celebralo propuxémoslle a un que sorprendera ós lucenses con propostas novidosas sobre a súa propia terra.

Amosar os atractivos turísticos da provincia de Lugo a un foráneo é doado porque hai moito onde escoller, pero atopar lugares pouco coñecidos e interesantes para os propios lucenses é un reto. O guía turístico Guido Álvarez aceptouno e propuxo unha relación de posibles visitas. O obxectivo é que cada lugués descubra algo novo ou aprenda a mirar o xa coñecido con outros ollos.

Outra ollada. Guido Álvarez advirte de que o potencial turístico de Lugo é enorme, polo tanto, as súas propostas son só unha mostra dos atractivos da provincia, nin todos nin os máis interesantes, só os que el considera que poden achegar un punto de vista novo sobre Lugo aos seus propios habitantes.

Consciente de que gran parte do patrimonio natural, artístico, arquitectónico, arqueolóxico e etnográfico está por explotar, este guía puxo en marcha un proxecto que titula “O Lugo menos coñecido”. Consiste en saídas para visitar lugares que non aparecen nos folletos turísticos e que van desde os paseos semanais pola cidade ata visitas puntuais pola provincia. O obxectivo é «descubrir semana a semana recunchos e tesouros» ao alcance de calquera.

Con este mesmo espírito, Guido Álvarez propón para os lucenses unha ruta que os levará dende o mar ata a montaña, pasando pola Chaira, a Ulloa ou a Ribeira Sacra e deténdose na cidade de Lugo para, entre outras cousas, escoitar.

Comezando pola costa, convida a percorrer a Vía Verde do Eo, seguindo a vía do tren mineiro que en tempos uniu os fornos de fundición de Vilaoudriz, na Pontenova, e o porto de Ribadeo. En Alfoz destaca as rutas polas beiras do río Ouro e a que leva ata a pena Abaladoira, na serra do Xistral. Xa camiño da Terra Chá, recomenda parar na Fraga Vella, entre Mondoñedo e Abadín.

Da Chaira destaca os humedais: a lagoa de Cospeito, lugar de refuxio de aves, e os Ollos de Begonte, dúas grandes pozas rodeadas de lendas que incrementan aínda máis o encanto do patrimonio natural.

Xa na comarca de Lugo, a arqueoloxía manda. O castro de Castromaior, en Portomarín, e o conxunto arqueolóxico de Adai, son dúas propostas ineludibles. En Castroverde, recomenda visitar a igrexa de Vilabade, que por algo ten gañado o apelativo popular de catedral.

As torrentes do Mácara, en Palas de Rei, son a proposta do guía para a comarca da Ulloa, e na Ribeira Sacra suxire visitar o miradoiro de Pena do Castelo, en Sober, desde onde se pode contemplar unha vista espectacular dos canóns do Sil e dos viñedos que gabean polas ladeiras.

Na montaña escolle tres puntos dos múltiples posibles: a ponte colgante entre A Fonsagrada e Riodeporcos (Ibias), a aldea de Barcela, en Negueira de Muñiz, que quedou anegada polo encoro de Grandas de Salime e só pode verse cando a auga baixa de nivel, e a aldea de Piornedo, en Cervantes. Lonxe da típica visita ás pallozas que se soe facer neste último lugar, o que Guido Álvarez recomenda é unha ruta etnográfica acompañado por Lola ou Isolina, dúas mulleres nacidas na aldea que descobren aos visitantes os encantos que hai máis aló das paredes de pedra e dos teitos de palla.

A cidade de Lugo é unha gran descoñecida para os seus habitantes.

Todo o mundo paseou algunha vez pola muralla romana, pola beira do río Miño ou visitou a catedral, pero non todos coñecen os bosques de Montirón ou de San Lázaro e son moi poucos os que se pararon a escoitar a sinfonía que ofrece o percorrido polo Regueiro das Hortas, unha composición maxistral interpretada por sucos de auga, paxaros, galos, cans ou gatos que está ao alcance de calquera que se desvíe uns metros do centro da cidade e teña paciencia para deterse uns minutos a escoitar.

Outros recunchos recomendables son o paso do río Fervedoira pola urbanización Castro-Gil, o núcleo de Pontegaos ou o lugar onde se pousa a aguia do parque de Rosalía.

Entre os restos romanos de Lugo, este guía escolle o xacemento arqueolóxico da Tinería, onde se atoparon, entre outras cousas, 150 fornos de fundición.

Arte Urbana. O mural dos superheroes no Ceip de Paradai ou o graffiti de Yoe 33 preto da estación do tren son outros dos puntos que recomenda Guido Álvarez para sorprender ós lucenses.

Estas propostas poden ser coñecidas ou non, dependendo das preferencias de paseo de cada un, pero desde logo ofrecen a oportunidade de contactar cun Lugo diverso e cheo de recunchos de grande valor.

Na maioría dos casos, a espectacularidade dos lugares depende dos cinco sentidos. Hai que despegarse dos folletos turísticos e tomar un tempo para sentir, para escoitar, para ulir… para entrar en contacto coa xente de cada lugar e aprender a mirar cos seus ollos, que non son mellores que os propios, pero si diferentes e experimentados

Pena do Castelo (SOBER): A máis de 600 metros de altitude e a 400 sobre as augas do río Sil está este miradoiro, ao pé da capela de San Amaro, en Doade (Sober). Desde este punto, onde en tempos houbo un castro, poden admirarse os peculiares viñedos da Ribeira Sacra.

Castro de Castromaior (PORTOMARÍN): En pleno Camiño de Santiago atópase este castro escavado parcialmente e moi ben conservado porque o terreo no que se encontra nunca foi cultivado. Estivo ocupado desde o século IV a.C. ata o I d.C. e poden verse parte das murallas e das vivendas.

Ollos de Auga (BEGONTE): Os ollos de Begonte son dúas lagoas circulares separadas uns 150 metros entre si e integradas na reserva da biosfera Terras do Miño. Conforman unha zona húmida de gran riqueza natural e están cargadas de lendas que paga a pena escoitar.

Conxunto arqueolóxico de Adai (LUGO): Está composto por un altar, un dolmen e diversos petroglifos, todo próximo a un castro. O altar é a peza máis singular, unha rocha de máis de dez metros de lonxitude e seis de ancho rodeada por 17 cavidades con formas ovaladas e rectangulares.

A ruta do tren mineiro (A PONTENOVA-RIBADEO): Nos tempos da minaría florecente, un tren unía Vilaoudriz (A Pontenova) co porto de Ribadeo. Hoxe, as vías e os túneles polos que pasaban están en desuso, pero foron acondicionadas para permitir ao camiñante realizar ese traxecto cargado de historia.

Pena Abaladoira (ALFOZ): É unha rocha duns 20.000 quilos de peso que, debido á súa colocación, pode ser abalada. É un enclave cargado de crenzas máxicas e relixiosas ligadas á fertilidade. En tempos tamén se lle pedía consello á pedra para ditar sentenza sobre xuízos e litixios.

Igrexa de Vilabade (CASTROVERDE): A igrexa de Santa María de Vilabade é coñecida popularmente como a catedral de Castroverde, un valioso exemplo do gótico do século XV. No seu interior atesoura valiosos retablos e frescos moi deteriorados que dan conta dos seus tempos de esplendor.

Ponte colgante de Riodeporcos (A FONSAGRADA): Unha ponte colgante é o único xeito de chegar a Riodeporcos, un pobo de Ibias (Asturias) ao que se accede a pé desde A Fonsagrada. Esta pasarela sobre o río Navia protexe a aldea do mundanal ruído, axúdalle a gardar os seus segredos e a manter a paz.

Unha lagoa chea de vida (COSPEITO): A lagoa de Cospeito é un dos humedais máis importantes de Galicia en canto a riqueza natural. É refuxio de aves migratorias nos meses de inverno. Entre outubro e marzo é o mellor momento para observar as que chegan do norte de Europa.

Torrentes do Mácara (PALAS DE REI): Onde se xuntan as augas dos ríos Ulla e Pambre xorden os torrentes do Mácara, un tramo fluvial formado por rápidos, fervenzas e pozas. Un sendeiro permite seguir o curso do río e desfrutar do son da auga ao acubillo dos bosques de ribeira.

Aguia das costas do Parque Rosalía (LUGO): A aguia ubicada nas costas do parque de Rosalía non sempre estivo alí. Antes estaba pousada sobre o monumento ao bimilenario da fundación da cidade de Lugo, na praza de Santo Domingo. No 1977 foi substituída por outra coas ás abertas e trasladada ao parque.

Regueiro das Hortas (LUGO): O Regueiro das Hortas é un espazo privilexiado a poucos metros da muralla romana, atravesado polo Camiño Primitivo. A escasos minutos do centro da cidade, o tempo quedou detido e permite escoitar os paxaros, a auga dos regos, os galos, os cans ou os gatos.