Concepto Circo volve embelecer espazos degradados do centro de Lugo

Artigo publicado no Lugo Xornal e Galicia Confidencial

Esta mañá presenciei un proceso de absoluto embelecemento das nosas rúas. Os xeniais Yoe 33 e Marcos (Concepto Circo) avisáronme para observar 24 horas dun traballo espectacular a carón nada menos que dos 3 Patrimonios Mundiais da nosa cidade

Unha iniciativa de Alexandra Malheiro (da tenda de artesanía Xoaniña) para loitar contra o degradamento dos soportáis da rúa Bo Xesús foi o punto de partida (co posterior apoio do pub Zinema e de Triskel Artesanía) para a execución dunha nova obra de arte urbana na nosa cidade… e máis concretamente en pleno centro histórico.

Tiven a sorte de ser avisado para presenciar todos os pasos dende a mañá de onte (20 de febreiro) ata o remate final na mañá de hoxe (21 de febreiro).

Como colaborador deste medio, non podía deixar pasar a oportunidade de compartir cos lectores do Lugo Xornal esta verdadeira marabilla artística a carón dos tres Patrimonios Mundiais do centro histórico de Lugo (catro se sumamos os muros a xunta seca da contorna, especialmente no barrio do Carme).

Non vos parece que a arte urbana de Yoe, Marcos, outros artistas lucenses e por suposto moitos artistas do mundo debería ser recoñecida pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade? Eu estou seguro de que si.