Reflexións nocturnas sobre Lugo e o noso futuro (Guido Guía)

Dentro dunhas horas marcho tres días de viaxe grazas a unha oferta que vimos estes días en Ryanair. Entre iso e as emocións destes días co aniversario de #LugoPatrimonioMundial, parece que hai pouco sono e moitas ganas de compartir algunhas reflexións sobre estas últimas horas e sobre Lugo en xeral.

Un ano despois daquel boom da semana do 13 de febreiro do 2019, no que lancei esta famosa etiqueta e a campaña para que todos reivindiquemos nas redes as belezas e riquezas de Lugo, as emocións seguen vivas e multiplicadas.

Non deixo de abraiarme por todo o que ten xerado este movemento nestes 12 meses, e non deixo de entusiasmarme con ver o fortes que somos cando nos unimos por unha causa común. Fómolo no 2000 co recoñecemento da Muralla por parte da UNESCO (dos recordos máis fermosos da miña vida), non tanto pero algo no 2015 co Camiño Primitivo e a Catedral (era unha reivindicación menos local porque a candidatura era do Camiño enteiro), e volvemos selo agora.

Non deixo de entusiasmarme con ter conseguido que apoiasen unánimamente esta idea do hashtag persoeiros tan diversos e variados, tantas ducias de miles de lucenses orgullosos en todo o mundo, e tantos miles de amantes da nosa cidade. Odón Elorza, Martín Barreiro, Lucía Pérez, Sergio Vallejo, Alfonso Reyes, José Miguel Antúnez, Lucía Aliaga, David Fidalgo, Salva Arco, Sergi Quintela, Rocío Varela, Devin Wright, Mateo Sánchez, Arantxa Novo, Erik Quintela, Pablo Ferreiro, Adrián Chapela, Hugo Sánchez, Roberto Trashorras… Sei que non son o centro do universo, pero tamén políticos de todas as cores como Antonio Ameijide, Ana Pontón, Lara Méndez, Olga Louzao, Rubén Arroxo, Óscar Poy, José López Orozco, Antón Sánchez… Paréceme algo tan fermoso! E que representa algo do que tan convencido estou: que os intereses da cidade teñen que estar por riba das chaquetas e dos partidos. Que temos que ter motivos e causas que nos unan.

Entro ás veces e entro nestas últimas horas en polémicas virtuais relativas a este movemento de #LugoPatrimonioMundial, e en xeral a moitos comentarios relativos á nosa cidade, ó seu estado, ó seu futuro… e por iso me deron ganas de deixar plasmada unha pequena reflexión algo compacta sobre o que penso:

Lugo merece ser recoñecida como cidade Patrimonio da Humanidade. Os méritos témolos de sobra. Basta comparar a Lugo con outras cidades do mundo que xa o son.

Ben, dito isto… Lugo ten que poñer moito máis en valor as súas riquezas. Ten que apostar por aquelo que a fai diferente e única no mundo… non só para atraer turismo, que tamén, por suposto… pero ten que facelo pola autoestima, polo pracer, pola cultura, e pola identidade das persoas que nacen e habitan esta cidade. A todos nos gusta ser especiais na vida, a todos nos gusta ser aprezados… e ese exercicio é o que temos que facer Lugo e os lucenses. O gusto que me da a min levar ós visitantes de todo o mundo pola cidade e ver como alucinan! Canto me gustaría que me acompañásedes a diario para corroboralo! De feito iso estou tentando cos paseos guiados #OLugoMenosCoñecido… facer que todos vivamos esa experiencia! Creo que sería moi útil e que todos defenderiamos máis Lugo “ó meu xeito” (para os que me coñecen) tan romántico e patriótico (non é con ánimo de facerme auto-propaganda como guía, só é por exemplificalo con aquelo que vivo máis de preto).

E agora o dos políticos: si, teñen moitísima responsabilidade sobre o pasado, o presente e o futuro da cidade… moitísima! E hai que criticalos, claro que si. Hai moito mal feito no pasado (con varios partidos), segue habéndoo no presente (con varios partidos), e seguro que o haberá no futuro… e haberá que denuncialo. Pero ollo… non deixemos que todo o peso caiga sobre eles! Os cidadáns tamén temos responsabilidade e poder para mudar as cousas. Por iso eu sempre falo do da autoestima… porque Lugo pode ter tales fochancas, tales excrementos de can ou tales casas desfeitas… pero iso non impide que a defendamos, que creamos nela, e que sexamos capaces de sacarlle o seu lado máis positivo… que é inmenso.

E aí volve o valor do patrimonio: todos temos que aprender a explicar un pouco a incrible historia da nosa cidade, da nosa Muralla, da nosa Domus do Mitreo, da nosa Catedral, das nosas milenarias, bimilenarias, e máis que bimilenarias vías… da nosa natureza impactante e rica, dos xeodestinos espectaculares que nos circundan… temos que instruirnos, temos que saber, temos que coñecer o que temos para poder presumir da nosa cidade, saboreala, querela, e sobre todo desexar vivir nela.

Temos que quentarnos cando vemos que alguén dana as nosas belezas (véxase aqueles pequenos que asinan ou emporcan monumentos, véxase aqueles grandes que destrúen teatros ou xacementos arqueolóxicos), temos que quentarnos cando vemos que nos marxinan dende Santiago e Madrid cas comunicacións e transportes, temos que quentarnos cando vemos cousas mal feitas… pero tamén temos que saber defender o noso, saber presumir dos nosos valores, apoiar ós emprendedores e artistas que están a apostar por Lugo, asistir ós eventos culturais programados… sempre, sempre, sempre, recordando que A CIDADE FACÉMOLA TODOS. Unha aperta, adiante amigos… e VIVA LUGO!