#OLugoMenosCoñecido, un proxecto que medra entre orgullo lucense e ambiente internacional

É moi emocionante ver como se vai consolidando o proxecto de paseos guiados #OLugoMenosCoñecido, e sobre todo ver que se están a cumprir os que eran os meus desexos e soños cando lanzamos a iniciativa. Comezamos nos últimos meses do 2019 cun ambiente moi moi lucense (calculo que un 80% das persoas que viñan ós paseos eran residentes en Lugo), e neste 2020 xa se están a incorporar os outros grupos cos que eu máis contaba: residentes de toda a xeografía galega que se achegan a Lugo para descubrilo nas fins de semana, e turistas/visitantes de todo o mundo que veñen a fascinarse ca nosa cidade e atopan esta opción de descubrir un Lugo alternativo ós itinerarios clásicos.

É moi emocionante para min o ver como está a producirse ese intercambio cultural tan enriquecedor. Un ambiente que xa vivín nas excursións e viaxes que organicei nos anos pasados, pero que me encanta que agora se estea canalizando cara estes paseos preciosos e infinitos pola nosa cidade.

Non podo máis que darlle as grazas a todas as persoas que me están apoiando tanto: lucenses orgullosos do noso e con ganas de compartilo co mundo, amigos de todo o planeta que nos acompañan semana tras semana, colaboradores incribles cos que teño a sorte de contar, medios de comunicación e plataformas varias que axudan enormemente na difusión, institucións, colectivos de diversa índole, á amiguísima Asociación na defensa do Patrimonio Cultural Galego (dende o minuto 0!)… e por suposto familia e amigos ♥