Patrimonio lucense fóra de murallas

Artigo de Mariña Patrimonio sobre a xornada guiada do 23 de novembro do 2019 

A choiva non impediu ao aguerrido grupo de persoas, que respondeu á convocatoria de Mariña Patrimonio, coñecer outra perspectiva da capital provincial diferente e non menos interesante que a que rodea a súa muralla romana.

Guido (Guido Guía), o guía que deseñou con moi bo criterio o itinerario desta excursión, iniciou no parque Rosalía de Castro o percorrido, que tivo a súa primeira parada na estupenda Sala de Exposicións da Porta Miñá, onde puidemos obter unha síntese moi completa do Lugo romano, así como unha breve visita á Igrexa do Carme, moi ben explicada por Santiago Iglesias, membro da Confraría carmelita. Con este prometedor punto de partida iniciamos un curioso paseo polas entrañas do barrio do Carme, un verdadeiro espazo rural dentro da cidade, degradado e esquecido, por onde  a cidade baixa cara o Miño pola antiga vía XIX que atravesa o río no barrio da ponte, así como o Camiño primitivo que conduce a Compostela.

Guido conseguiu contaxiarnos o seu especial apego emocional a este lugar, sorprendentemente preservado da expansión urbana a pesar da súa proximidade ao centro. Esta circunstancia permite albergar a esperanza de que no futuro inmediato poidan levarse a cabo proxectos de investigación arqueolóxica e revalorización desta vía principal de saída histórica do Lugo romano e do Lugo medieval, sen perder a súa condición de espazo verde.

Chegados á ponte romana, percorremos a ribeira, río arriba, pola marxe esquerda para atravesalo pola nova pasarela peonil que conduce ao barrio de San Lázaro, en cuxa igrexa, noutrora capela do antigo hospital de leprosos ou lazareto, nos acolleu Abraham, o cura Párroco, que nos resumiu a historia dese barrio, moi vinculado ao Camiño, como punto de control sanitario da cidade.

Despois dunha espléndida comida no restaurante A Calzada Bar , na rúa da Calzada da Ponte, emprendemos a segunda parte da nosa excursión que nos transportou no tempo á Idade do bronce e no espazo á Adai, unha parroquia situada ao oeste da cidade desde onde se ofrece unha grandiosa panorámica da cidade de Lugo. Para esta visita, Guido emprazou a dúas persoas, Brais Rodríguez e Xabier Moure, que traballan activamente na defensa e promoción do patrimonio e son bos coñecedores deste lugar tan especial. O monte de Adai constitúe un verdadeiro parque arqueolóxico que parece ter a súa orixe, cando menos, na Idade do bronce e que concentra nunha área de poucas hectáreas numerosas mámoas e petróglifos, unha espectacular estrutura circular, do tipo da Roda de Barreiros e unha plataforma de rocha granítica con forma elíptica duns 12×6 metros, perimetrada por unha serie perfectamente ordenada de buratos que compoñen unha misteriosa estrutura, que pode parecer a base dunha cabana pero que da pé a imaxinar outras interpretacións.

Sen dúbida, o concello de Lugo ten en Adai un tesouro arqueolóxico de extraordinario valor patrimonial e gran potencial turístico. A vinculación de Lugo ao mundo romano non debería impedir que espazos como este quedaran esquecidos. Desde Mariña Patrimonio queremos animar ao Concello de Lugo e aos responsables de Patrimonio da Xunta de Galicia a que realicen un esforzo para iniciar o estudo deste espazo arqueolóxico que, a pouco que se gaste nel, devolverá con creces o investimento feito.

+FOTOS: https://photos.app.goo.gl/8oC44m1uyKwsywuY7