Escapadas galegas: os infinitos parques da cidade de Lugo

Artigo publicado en Lugo Xornal e Galicia Confidencial

Cando imos a Londres non nos perdemos as visitas a Hyde Park, Green Park, St. James Park… todos eles son considerados recursos turísticos e recreativos de primeira liña. Máis pretiño que as illas británicas, na vella capital da Gallaecia, contamos cunha inmensidade de parques digna de ser considerada nos rankings mundiais. E se nos perdemos polos parques de Lugo?

É difícil contabilizar os parques da cidade: moitos estan subdivididos, outros son anónimos, outros debátense entre as figuras de parque ou xardín, outros entre as figuras de parque ou bosque, outros entre parque ou paseo fluvial…  pero o que si é seguro é que unha vida non chega para coñecer a fondo a cantidade de parques lucenses.

Entón… por onde comezamos? Semella que aí non hai moito lugar a discusión… o parque dos parques lucenses, o máis popular, onde máis persoas namoraron, onde máis persoas fixeron as mellores fotos das súas vidas… é o Parque Rosalía de Castro.

PARQUE ROSALÍA DE CASTRO E COSTAS DO PARQUE

O parque Rosalía é o primeiro gran parque da historia de Lugo. Sitúase entre o barrio de Recatelo, a Cidade Escolar, Magoi e o barrio do Carme. Non é calquera cousa, xa que tanto o parque coma a súa contorna son lugares de inmensa historia… non esquezamos que Recatelo xa era barrio na época romana (a construción da Muralla o cortou) é que nas inmediacións do Parque Rosalía se atoparon nos anos 90 importantes vestixios arqueolóxicos de época castrexa e posteriores.

As primeiras construcións do parque propiamente dito datan dos anos 1909-1912, a zona verde comezou a construirse no ano 1925 (imos camiño do centenario) e a apertura definitiva (co deseño de Eloy Maquieira) data de mediados do século XX.

Cando visitamos o Rosalía non podemos perdernos o busto á poetisa que dá nome o parque (preto da entrada principal), o palco da música (unha das zonas máis fotoxénicas), o miradoiro con vistas ó val do Miño, a fonte central, o pombal cun mapa da Península Ibérica en relevo ou o estanque de aves acuáticas. Por suposto, todo isto, acompañado da enorme variedade arbórea, arbustiva, floral, vexetal e natural en xeral.

Continuando o paseo tocaríanos baixar polas costas do parque, ben coñecidas polos foráneos durante as Festas do San Froilán, e que son probablemente unha das zonas de Lugo cunha maior riqueza visual. Ese descenso ó Miño debería ser Patrimonio da Humanidade…

A escultura da aguia sobre unha das rochas do inicio das costas, o anfiteatro da Estrela, o ximnasio ó aire libre (Street Workout), o miradoiro cara o Miño e a Ponte Romana (ó lado do parking de autocaravanas), e por suposto o vello pavillón Municipal (monumento do deporte lucense) son algúns dos lugares imperdibles a visitar nas Costas do Parque.

PARQUE MARCOS CELA E XARDÍNS DA VOLTA DA VIÑA

Estes dous espazos son dos grandes descoñecidos de Lugo. Moitos lucenses aínda nunca os pisaron, e o que se perden… Estes espazos verdes intermedios entre as Costas do Parque e o río Miño son unha verdadeira gozada ben aproveitada polos veciños da zona… e que moi probablemente serán, ca apertura do Novo Auditorio de Magoi, uns dos lugares verdes con máis movemento en Lugo.

O miradoiro de madeira con amplas vistas ó Miño, a fonte de pedra dos xardíns da Volta da Viña, ou o memorial a Marcos Cela (con poema de Lois Diéguez) son algúns dos lugares sinalados a visitar.

PARQUE DA MILAGROSA

Se o Parque Rosalía é o primeiro parque en popularidade, non hai dúbida de que o da Milagrosa é o segundo no ranking. Corazón verde do barrio máis poboado de Lugo, probablemente sexa o espazo vexetal máis transitado da cidade. A multiculturalidade instrínseca á zona nas últimas décadas é un dos grandes atractivos do seu ambiente, así coma a forte presenza de arte urbana nos seus edificios (especialmente no skatepark), o imperdible e precioso MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo), a biblioteca municipal, ou a cidade deportiva de Frigsa.

PARQUE DE PARADAI

Todo o barrio de Paradai ten o gran atractivo de ser unha zona moi pintada polos artistas de rúa como os compoñentes de Otro Prisma ou Concepto Circo… unha fermosa transición (con homenaxes a Steve Urkel ou a Doc Emett Brown, ou as marabillosas creacións do CEIP) entre o Parque da Milagrosa e o parque que leva o nome do barrio.

Esta zona verde é un espazo gañado pola cidade nos últimos anos, nos que se adecentou enormemente, e nos que se potenciou ese fermoso recurso hídrico que é o famoso río que nace moi pretiño de aquí… o Rato.

PARQUE DO SAGRADO CORAZÓN

O barrio máis baloncestístico de Lugo (co club onde naceu a lenda de Devin Wright, entre outras) conta tamén cun dos parques de visita obrigada neste roteiro. Dalle continuidade ó parque de Paradai e o conecta á gran senda do río Rato en unión posterior co Miño… o gran paseo verde que circunvala á cidade. É o parque do Sagrado un bo lugar para xogar cos nenos, para facer deporte, ou para fantasear ca chegada, algún día, de trens decentes a Lugo (é o barrio da estación).

PARQUE DOS PAXARIÑOS

O gran proxecto de zona verde para o barrio de Sanxillao e das Fontiñas aínda ten que seguir evolucionando, pero de momento é unha fermosa conexión verde entre esta transitada arteria da cidade e un dos paseos máis bonitos dela… o do Rato.  É un marabilloso miradoiro cara a Ponte da Chanca, un dos símbolos da modernidade lucense, esa ponte que entre o 1871 e o 1874 lle trouxo a Lugo o seu primeiro tren.

PARQUES FLUVIAIS, BOSQUES, XARDÍNS, SOUTOS E INCLASIFICABLES

A toda esta rede de parques oficiais e indiscutibles, podemos sumarlle innumerables espazos verdes que son os que multiplican ese infinito natural da cidade…

Os paseos/parques do Miño, do Rato, do Fervedoira, do Mera… áreas verdes e recreativas como A Tolda, A Chanca, As Saamasas… bosques/soutos/carballeiras coma os de Montirón, Fingoi, Campos Novos… xardíns coma os de San Roque ou os da Deputación… barrios ecolóxicos coma O Carme, A Ponte, Albeiros, A Garaballa, Galegos

Non estaba errado o que lle puxo Lucus Augusti (o bosque de Augusto)… temos que desfrutalo, amigos.