A cidade que namora os estranxeiros: “Lugo ten algo especial. Non sei o que, pero algo ten”

Reportaxe de Silvia López no Lugo Xornal, publicada o 5 de novembro do 2019

Na vella Lucus Augusti conviven agora persoas de máis de cen nacionalidades. Chegaron aquí por motivos de traballo, de estudo, por mellorar as condicións de vida… E moitos xa non queren marchar: “Non me imaxino lonxe de Lugo”, dicíanos un arxentino. A natureza, o patrimonio, a gastronomía e a xente son os elementos que os engaiolaron. A modo de agradecemento pola pegada positiva deses inmigrantes na cidade, Guido Guía vén de organizar unha actividade na súa honra.

Colombia, Uzbequistán, Uruguai, Iemen, Vietnam, China, Mozambique, Estados Unidos, Irlanda, Irán, Francia, Brasil, Mali, Arxentina.. E así ata chegar a máis dun centenar de países. Ese é o número de nacionalidades diferentes que conviven en Lugo a día de hoxe, segundo datos do padrón municipal. Son migrantes que chegaron á nosa cidade e que asentaron nela. Uns faríano por motivos familiares, outros por cuestións laborais ou por mellorar as súas condicións de vida no país de orixe. Outros viñan de paso e acabaron quedando porque namoraron de Lugo: “Esta cidade ten algo especial. Non sei o que, pero algo ten”.

Quen pronunciou esas palabras foi Abby Vaughn, unha moza estadounidense que aterrou en Lugo para ser auxiliar de conversa no colexio de Pedrafita do Cebreiro. Malia levar aquí tan só un par de meses, xa recoñece un pouco de “casa” nesta cidade, cuxo clima ve “parecido” ao do seu Michigan natal. “Pero aquí non neva tanto”, ri, “nin sequera en Pedrafita!”. Conta que o máis lle gusta de Lugo é o ritmo de vida pausado, o casco vello, as montañas…, pero tamén a bonita conexión entre a comunidade de estranxeiros e a xente local. “Lugo pode ter un lugar no meu corazón”, así que non descarta quedar máis tempo despois de que remate o curso escolar.

UNHA VISIÓN EXTERNA SOBRE O COIDADO DO PATRIMONIO

Simón Rodríguez, de Venezuela, atópase nunha situación similar. Neste caso, el está estudando un máster en Servizos Culturais no Campus Terra da USC. “Sabía que era unha cidade pequena e iso dábame un pouco de medo. Pensaba ‘qué tanto se podrá hacer acá’, pero non! O ámbito cultural é efervescente. Hai actividades distintas cada día”. Confesa sentirse impresionado ante o abano de opcións durante o San Froilán e o Samaín. Xa agarda con ansia o Festival de Jazz desta fin de semana.

O turismo e a cultura son as dúas bazas coas que xoga Lugo, segundo Simón. O enorme potencial histórico choca coa ausencia dunha aposta verdadeira por reforzar a súa proxección e o seu valor. Este venezolano fala, por exemplo, da necesidade de recuperar “xoias abandonadas” na Tinaría ou noutros barrios. “As institucións deben traballar con continuidade neste tema, non só en época electoral para gañar votos”.

“NON PASO UN DÍA SEN IR AO CENTRO. EU FALO COA MURALLA”

Máis especial é aínda a relación que mantén con Lugo o arxentino Christopher Chaldú. El si que ten clarísimo que non quere marchar de aquí. “Non me imaxino unha semana lonxe de Lugo”, afirma. Cando veu de vacacións para ver a súa familia hai cousa de dous anos, non se esperaba o frechazo que tivo coa cidade. “O que me pasou coa Muralla foi algo realmente especial. Non podo explicar con palabras o que sentín“, conta. “Eu falo coa Muralla, eu vou alí e anímoa. É moi particular”.

Como estudante de Cociña, Christopher aprecia a gastronomía galega e as famosas tapas luguesas. “Volveume tolo!“, admite. “Non podo pasar un día sen ir ao centro de Lugo ou ao río. Ver a natureza, tomar unhas tapas nun bar…”. É unha cidade “familiar” que convida a facer plans pausados e a desfrutar da diversidade cultural que ofrece: “aprendo sobre outras culturas e outras linguas. Gústame moito o galego”.

O LUGAR DO QUE LLE FALABAN OS SEUS AVÓS

Romina Beiroa é unha uruguaia que tamén chegou a Lugo por cuestións académicas, mais no seu caso había algo que tiña aínda máis forza. Os seus avós naceron en Galicia e sempre mantiveron moi vivo o recordo da súa terra. “Tiven a oportunidade de ir a algunhas aldeas de Lugo e iso fíxome lembrar cousas que me contaban os meus avós durante a miña infancia”, relata Romina con agarimo. “Eles tiñan un terreo coa súa horta e as súas verzas, dicíanme que tomaban caldo… Cando era nena non sabía que era iso. Agora puiden conectar e entender de verdade todo iso”.

Amais da alegría por coñecer as orixes da súa familia, Romina tamén prendeu de Galicia por outras razóns: “vas camiñando por Lugo e atopas un montón de parques e de árbores. Hai moito verde! Encántame pasear por aquí”.

GUIDO GUÍA’ E UNHA HOMENAXE AO LUGO MÁIS INTERNACIONAL

Precisamente, un paseo (guiado) foi o fío que uniu ás catro persoas que apareceron nesta reportaxe. Estamos a falar dunha actividade organizada por Guido Guía co fin de homenaxear a “pegada marabillosa” dos inmigrantes na nosa cidade. Así, o pasado 2 de novembro, xuntáronse persoas dunha decena de nacionalidades para descubrir #oLugoMenosCoñecido á vez que compartían experiencias migratorias en distintos puntos emblemáticos da cidade.

Guido Álvarez Parga, o promotor desta iniciativa, explica con entusiasmo as razóns polas que decidiu que este paseo guiado xirara arredor da inmigración. “Meu pai é arxentino, fillo de emigrantes galegos, así que teño unha grande influencia da súa mirada cara a Lugo”, aclara. Ademais, remóntase á súa infancia e atopa diferenzas respecto á sociedade luguesa actual, moito máis diversa culturalmente: “Estabamos acostumados a estar só entre xente de Lugo. Logo comezou a chegar xente negra, asiática… Iso foi moi fermoso. Os inmigrantes fannos ricos, tanto a nivel intelectual como a nivel económico”, pensa este guía turístico.

Guido amósase satisfeito pola boa acollida que tivo esta actividade e polos lazos internacionais que se van tecendo no ámbito local. Xa o di el: “A inmigración estivo aí sempre. Os romanos tamén foron inmigrantes en Lugo!”