Arte de a pé en Lugo: os “invisibles” que nos alegran a vida

Cando falamos de cidades ricas cultural e artísticamente… en que pensamos exactamente? Que ten que ter unha cidade ou unha localidade para ser considerada rica nese senso? Lugo o é? Déixoo en interrogante e vós me diredes.

Onte rematou o San Froilán e para min volveu ser, un ano máis, a festa máis fermosa do outono galego. Unha festa que conserva uns valores que van máis alá de que veña a Lugo o grupo máis de moda ou o menos coñecido… o San Froilán é un cheiro, unha atmósfera, unha emoción compartida… algo que de momento –e vai camiño de trescentos anos- nunca falla, probablemente grazas ó sentimento e á vontade do pobo… sen quitarlle ningún mérito ós organizadores, eh? Que o teñen, e moito.

Tamén foron estas semanas de experimentación cos paseos guiados #OLugoMenosCoñecido (Berce de San Froilán, Arte Urbana e o primeiro en inglés)… neles seguimos descubrindo e visibilizando ós invisibles, os que traballan día a día pola cultura e pola arte con réditos moi lonxanos ós dalgúns triunfadores que con dubidosos méritos artísticos –pero co sistema de poder a favor- se levantan nun día o que a outros lles custa meses de traballo.

Non lle vou dar resposta ás preguntas do primeiro parágrafo, pero si vos direi que eu son un namorado de Lugo e dos seus invisibles. Deses que embelecen os muros co spray, desas pintoras que fan visitas artísticas en inglés, deses apaixonados pola historia romana, deses que coidan os 365 días unha capela do século XVIII, deses que protexen o medio ambiente, deses que con escasos recursos organizan festivais durante todo o ano… desa xente linda, desa linda xente.