Reflexións sobre o Caudal Fest (para o diario El Progreso)

Publicado no diario El Progreso de Lugo o 26 de setembro do 2019

Dende hai un ano e pico en Lugo falamos moito do Caudal Fest. Sempre me preguntan opinión e nunca podo expresar nada rotundo… Pero despois de asistir a estas dúas primeiras edicións, podo expresar algunhas ideas.

– Paréceme que o éxito en canto a afluencia de público e boa imaxe é indubidable.

– Paréceme que é sacarlle un gran partido a unha zona preciosa da nosa cidade, e valorizar o río e a contorna natural de Lugo como grandes recursos recreativos e de ocio.

– Paréceme un exitazo, coma no caso do Arde Lucus, o sacarse da nada un evento con tanto tirón a nivel galego e incluso estatal.

– Tema cartos públicos investidos: non estou nin claramente a favor nin claramente en contra. Si que creo que debe facerse unha valoración realista dos resultados destas dúas primeiras edicións, e ver como se quere afrontar o futuro… Por un lado estou dacordo en que se debe buscar un equilibrio entre a aposta por grandes eventos e o apoio a proxectos culturais máis pequenos pero que dan vida á cidade todo o ano… Pero tampouco podo deixar de ver o beneficio que supón para a cidade unha fin de semana con tanta xente e a consecuente ocasión para facernos visibles e promocionarnos como destino turístico e tamén como lugar para vivir ou investir económicamente (xa sexan as administracións, o ámbito privado ou os particulares… necesitamos evolucionar para que cada vez menos mozos teñan que emigrar).

– Tema xéneros musicais: neste punto si que teño claro que eu iría xogando e variando. Non vexo mal que ata agora se apostase por uns estilos de música concretos, entre outras cousas porque o éxito é evidente… Pero neste senso eu si que son da idea de que é necesario apoiar máis a xéneros e a artistas esquecidos actualmente polo poder económico. Como dicía estes días Oliver Laxe sobre a “zombificación” do espectador audiovisual cas series e demais, un pouco o mesmo penso eu no eido musical… Non sei se é cousa miña, pero teño a impresión de que cada vez hai menos aposta por música que remova as cabezas e faga pensar… sen menospreciar ás músicas que non o fan, eh? Eu creo que o “diferencial” do Caudal Fest é a incrible contorna onde se desenvolve, e non os xéneros musicais… así que penso que unha aposta interesante sería valorar xogar con ese aspecto a partir de agora…

– Tema contorna natural: hai algunhas persoas que critican o feito de que o festival se celebre nun enclave de gran valor ecolóxico… De momento eu non vexo ningún motivo que me faga pensar que sexa daniño, pero estou atento ás opinións dos máis expertos neste eido.

Advertisements
%d bloggers like this: