Unha visita guiada polo ‘Lugo menos coñecido’ esperta un grande interese no público

Reportaxe no Lugo Xornal, publicada o 31 de agosto do 2019

Trátase dunha iniciativa de Guido Guía prevista para o 14 de setembro. Nela levará os asistentes polos recunchos máis sorprendentes da cidade. As sesenta prazas ofertadas esgotáronse en tan só 24 horas.

O guía de turismo Guido Álvarez (Guido Guía) anunciou hai uns días o primeiro paseo guiado polo ‘Lugo menos coñecido’. Trátase dunha iniciativa que procura descubrir recunchos agochados da cidade aos propios lucenses ou a visitantes. Vintecatro horas despois de facerse pública esta actividade, xa se esgotaran as sesenta prazas dispoñibles.

Esta visita desenvolverase o vindeiro sábado 14 de setembro e conta co apoio da Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal). Os asistentes desfrutarán dun paseo dunha dificultade media-baixa cunha duración de tres horas a pé. O punto de encontro será o Parque de Rosalía, ás once da mañá, e a partir de aí Guido Álvarez levaraos polos puntos máis sorprendentes da cidade.

O interese que esta proposta espertou no público foi evidente, xa que as sesenta prazas que se ofertaban esgotáronse nun só día. O prezo establecido foi de 6 euros por persoa, aínda que os socios de Apatrigal contaban con entrada de balde.