Cando os partidos do CD Lugo se converten nunha ocasión para dar a coñecer a cidade

Entrevista de Silvia López para Lugo Xornal, publicada o 19 de agosto do 2019

A Federación de Peñas do CD Lugo, coa colaboración de Guido Álvarez, puxo en marcha unha experiencia piloto: ofrecer visitas guiadas ás afeccións rivais que se despracen ata o Anxo Carro. Buscan apoio institucional para estender o proxecto a máis clubs lucenses e imaxinan posibles ‘tours’ pola cidade para amantes do baloncesto, por exemplo. A Pista Vermella sería unha parada obrigatoria, claro.

Dos centos de formas que hai para dar a coñecer unha cidade, se cadra esta que vén de probarse en Lugo é un tanto orixinal. E é que esta fin de semana viu a luz un proxecto que vincula o turismo e a paixón polo deporte para abrirlles as portas aos visitantes. Trátase dunha iniciativa da Federación de Peñas do CD Lugo coa que colabora o guía turístico Guido Álvarez. Este sábado desenvolveuse a primeira experiencia-piloto, polo que unha trintena de afeccionados do Extremadura UD puideron coñecer os recunchos da cidade máis alá do Anxo Carro.

Guido Álvarez, o entusiasta guía que participa neste proxecto, cóntanos como xurdiu a idea. A del xa é unha voz recoñecida e respectada dentro do sector. Traballou durante anos en diversas iniciativas relacionadas coa posta en valor do patrimonio histórico e natural de Lugo. Fíxose tamén un oco importante nas redes sociais, onde os contidos que xera son compartidos por multitude de usuarios. A súa repercusión e bo facer espertaron o interese de diferentes persoas logo de que abrira un espazo cunha marca propia, Guido Guía.

Unha das propostas que lle chegaron estas semanas foi a do presidente de Federación de Peñas do CD Lugo, Román Sánchez Besteiro, “un home moi dinámico e que sempre aporta cousas proveitosas”, di Guido. Durante o tempo que leva á cabeza da federaciónRomán Sánchez recibiu os seareiros dos equipos visitantes cando o CD Lugo xogaba na casa. Porén, agora que volve comezar a Liga e que Guido Álvarez se decidiu a emprender unha marca de seu, a Román ocorréuselle probar un experimento: ofrecer visitas guiadas pola cidade ás afeccións rivais que viaxan ata o Anxo Carro para apoiar os seus xogadores.

O plan estreouse o sábado 17, cando estaba previsto o encontro do conxunto albivermello co Extremadura UD.  “O ideal sería poder ofrecer visitas todas as fins de semana. Non só para as afeccións de equipos de fútbol, senón que estaría ben estendelo a outros clubs da cidade, como o Breogán, o Ensino, o Emevé…”. O impacto positivo que tivo a iniciativa nas redes sociais quizais axude a que as institucións ou as directivas dos propios equipos apoien o proxecto e faciliten a súa prolongación durante toda a tempada deportiva. Iso é o que buscan os seus promotores orixinais.

A PISTA VERMELLA, PUNTO CHAVE PARA OS AMANTES DO BALONCESTO

“A min faime moita ilusión, porque son unha persoa moi vencellada ao deporte. Xoguei ao baloncesto dende os oito anos”, explica Guido Álvarez. Devece por levar adiante este proxecto e deixa voar a imaxinación. “A pretensión non só é facer visitas guiadas á vella usanza, senón tamén meter detalles máis orientados ao deporte. Por exemplo, no caso dos afeccionados ao baloncesto, levaríaos a lugares como a Pista Vermella, a pista ao aire libre máis famosa de Lugo e incluso de Galicia”. Refírese, claro, ao campo de básket situado a carón da Fonte do Rei, na rúa Cornubia. E prosegue: “Fun alí toda a miña vida e sei que podo contar moitas anécdotas que lles poden interesar. Tamén os levaría ao Pazo dos Deportes, ao pavillón vello…”

Coida que ligar turismo e deporte é sempre un acerto. “Son dous ámbitos nos que as emocións son moi importantes”, así que poderían casar de marabilla. Conxugar unha cousa coa outra ha de ser doado, pensa Guido, en relación á cantidade de xente que moven os clubs de fútbol, por exemplo. Ademais, esta proposta converteríase en si mesma nun incentivo para os desprazamentos dos seareiros, unha pata da que coxean moitos equipos. Á súa vez, é tamén unha oportunidade para “interaccionar e confraternizar” coa xente local, a “mellor maneira de desenvolver calquera proxecto turístico e cultural”.

QUE É O QUE MÁIS GUSTA DA CIDADE?

“Os afeccionados do Extremadura UD quedaron encantados! Pasárono moi ben e as reaccións que estou obtendo en Twitter son todas moi boas”, sinala Guido. Esta iniciativa preséntase como un paso máis nesa ‘carreira’ por obter o recoñecemento de Patrimonio Mundial para o casco histórico de Lugo, unha loita na que Guido está especialmente implicado coa creación do hashtag #LugoPatrimonioMundial.

Á pregunta de que é o que máis gusta de Lugo aos visitantes, este guía turístico teno claro: a Tinería, o barrio do Carme e o barrio da Ponte. A Muralla Romana é o elemento patrimonial máis representativo de Lugo, pero Guido Álvarez entende que iso é algo que os viaxantes xa coñecen máis ou menos antes de chegar. Porén, esoutros recunchos “sorprenden” máis e deixan un bo sabor de boca a quen os descobre.

“Lugo é un punto moi estratéxico para coñecer Galicia”, remata Guido Álvarez, “está preto da Ribeira Sacra e da Mariña; mesmo de Santiago ou da Coruña”. As posibilidades turísticas da nosa cidade son infinitas. E, se aínda por riba as combinamos co potencial lucense en canto a deporte, os resultados han de ser ben agradecidos.