Entrevista no diario El Progreso pola estrea do proxecto Guido Guía

Guido Álvarez: Guía que creou a páxina Guido Guía en Facebook para potenciar a súa marca persoal

“En Guido Guía compartirei cousas sobre Lugo e Galicia”

Por María Orge

Canto tempo levas exercendo de guía?

Son guía oficial dende hai catro anos.

Por que decidiu crear este proxecto persoal na rede social Facebook?

Porque levo estes anos traballando para distintas axencias e empresas turísticas e en xaneiro decidín tomar un tempo para elaborar un posible plan persoal. Agora estou reconsiderando o meu camiño laboral e a primeira decisión que tomei é a de ter a miña marca persoal como guía e promocionarme a min mesmo.

Como se pode atopar esta páxina en Facebook? 

Chámase Guido Guía.

Que é o que vai atopar a xente nesta páxina?

Compartirei moitas cousas relacionadas sobre todo con Lugo e tamén con Galicia, como curiosidades e historia. Tamén falarei de viaxes a outros lugares que eu fago.

Vostede foi o impulsor de #LugoPatrimonioMundial. Como vai esa campaña? 

O boom do hashtag foi o primeiro mes, pero neste momento segue moi activo. Algo que me gusta moito é que o usan empresas nas súas publicacións.  Pero o que máis me gustaría é que os lucenses o empregasen cando suban fotos de Lugo.