Salvemos o Regueiro das Hortas, Camiño Primitivo, a rúa máis fermosa de Lugo

Chamáronme hai pouco tempo do Progreso para unha reportaxe sobre o Camiño Primitivo -que saiu onte no xornal- e coma sempre falei sobre o seu paso polo barrio do Carme.

Como a reportaxe trataba máis sobre os aspectos negativos e cuestións a mellorar, aproveitei para sacar un tema que leva anos preocupándome, sobre todo dende que no 2017 vin como eliminaban todas as sinalizacións do Regueiro das Hortas e acondicionaban e sinalizaban paralelamente a Rúa do Carme como itinerario alternativo do Camiño.

No momento e durante este tempo quixen pensar que isto sería un desvío temporal para acondicionar o Regueiro das Hortas, pero grazas a esta reportaxe entereime de que semella que non é así, que o desvío é unha decisión definitiva que tomou a Axencia Galega de Turismo no ano 2012.

Saber isto preocupoume enormemente e decidiume definitivamente a promover unha campaña (que en realidade e polo que me comentaron xa lanzou previamente o Foro do Camiño), para darlle visibilidade a esta realidade que pon en perigo un dos patrimonios máis fermosos e auténticos que temos na nosa cidade: un camiño máxico (basta ver a foto), histórico (Vía Romana XIX, Camiño Primitivo, lugar de nacemento de San Froilán) e marabilloso (iso me din todas as persoas ás que alí levei como guía ou de xeito particular, a parte do meu evidente aprezo por este lugar) a tan só 200 metros da Muralla Romana e do centro de Lugo.

Ten que falarse disto, ogallá baste só con que os lucenses amosemos o que nos importa a nosa rúa máis fermosa, e o noso desexo de que todos os peregrinos a atravesen na súa marcha cara Compostela… senón dalgún xeito haberá que protestar e facer ruído para impedir que se perda unha das nosas maiores xoias, un dos camiños máis fermosos e históricos da xeografía galega… SALVEMOS O REGUEIRO DAS HORTAS

Advertisements