Reportaxe no diario El Progreso: “Imaxes que dan ansia viaxeira”

Reportaxe publicada no diario El Progreso o 31 de marzo de 2019

GUIDO ÁLVAREZ – GUÍA TURÍSTICO

O calificativo de dinamizador venlle que nin ó pelo a este guía, gran convencido do potencial turístico de Lugo. As súas fotos rodan por internet e son anzois prodixiosos para pescar visitantes

Por María Piñeiro

2019033113051493999

NO MUNDO VIRTUAL, que botou abaixo a teoría dos seis graos de separación, resulta compricado non coñecer de nada a Guido Álvarez. Este guía turístico ten un gran predicamento en redes, pero non deses apabullantes que semellan difíciles de crer, dos que semellan alimentados pola compra masiva de seguidores. É máis ben o que agora se dá en chamar un “micro-influencer”, unha persoa cun número de fans que se conta en miles, non en centenas de miles, pero con verdadeira capacidade de arrastre, que fai comunidade e favorece que os seus membros interactúen.

Precisamente por iso é ben difícil que un lucense, ou alguén con amigos lucenses, non se topara cunha das súas fotografías por internet adiante, incluso aqueles que fan un uso escasos das redes. As imaxes de Guido semellan estar en todas partes: as árbores amareleando no Parque, a ponte da Chanca recortada sobre o ceo azul, a muralla dende mil perspectivas… todas amosan un Lugo ó que dá ganas de ir, se é que non se está nel.

Guido, fillo dun xornalista arxentino de orixe galega e unha profesora de Historia, naceu no barrio do Carme, na casa de “Muebles Franco”. Sonríe ante esa referencia que fai de si mesmo lembrando unha ensinanza do máster de Planeamento Turístico que cursou en Santiago despois da carreira de Turismo na Coruña: como mudaron as referencias urbanas. Antes a xente citábase en lugares, que se tal fonte que se tal edificio emblemático, pero dende hai anos faino en negocios, que si Souto, que si a Maitines. Volve sorrir ó percatarse de que os dous exemplos que menciona xa desapareceron.

Afeccionado ó basket dende neno, Guido non tiña nada claro o que ía estudar. En segundo de bacharelato, é dicir “in extremis” e cursando a rama científico-técnica, fixo un test a proposta da orientadora do IES Ollos Grandes e entre as posibilidades saiu Turismo. A unha persoa que lle oiga falar entregadamente das enormes posibilidades do Carme, ventá natural da cidade ó río, conexión entre o Lugo amurallado e ese cinto que é o Miño, parécelle normal, pero a él sorprendeulle: non había oído falar deses estudos na súa vida.

Convenceuse enseguida de que era o seu. Gustoulle a carreira, as prácticas, a beca que o levou a Londres a traballar na casa museo de Benjamin Franklin, o posgrao, a investigación sobre turismo que exerceu despois no Cetur durante máis de dous anos. Pasou un verán participando nun proxecto de xeoreferenciación de todo O Courel polo que non hai igrexa que non coñeza, e doce días intensísimos facendo enquisas a 300 peregrinos do Camiño Norte en Asturias, vivindo en albergues e saíndolles, literalmente, ó paso.

Antes de que acabase o seu contrato no Cetur, solicitou unha beca Erasmus Mundus para profundizar na súa formación de Xestión de Paisaxes Culturais e que lle levou a vivir en Francia, Italia e Alemaña durante dous anos con outros 15 estudantes de 12 países e 4 continentes, un baño de internacionalidade que Guido aproveitou, entre outras moitas cousas, para dar a coñecer Lugo e especialmente a Ribeira Sacra, unha paisaxe á que lle adicou traballo tras traballo.

Durante a súa estancia en Nantes, a través dun grupo de tuiteiros fans coma él de Carlos Núñez, tivo a oportunidade de coñecer ó gaiteiro e de colaborar nun dos seus proxectos: atraer a grupos de turistas franceses a Galicia. Para un deles organizou unha estancia no verán de 2015 de cinco noites e cunha das súas premisas por bandeira: que Lugo fose o centro da viaxe.

Guido cre que Lugo pode ter sido un lugar de excursionistas, pero está convencido de que esa percepción cambiou e asegura que, tras facer prácticas na oficina de turismo, ten probas de que é así. Que move ós que veñen a Lugo? Teno claro. “Diría que, en primeiro lugar e con moita diferenza, o seu interese pola Historia. Non adoita ser xente que non sabe que hai para ver senón que sabe que quere ver. En segundo lugar, unha mestura de tranquilidade e gastronomía. E moitos consideran Lugo un sitio estratéxico, céntrico e ben situado para visitar moitos outros. “Eu creo que teñen razón”, asegura.

Dende que volveu a Lugo, algo que sempre que tivo claro que faría, traballou en varias empresas turísticas creando proxectos de dinamización turística con tirón. Está claro que ten capacidade aglutinardora e, como mostra, o botón da etiqueta tuiteira de #LugoPatrimonioMundial, que se extendeu coma un virus. Un virus bon. Agora ultima no Lug2 un propio proxecto turístico, todavía en capela, co que seguirá movendo a lucenses por fóra e a foráneos por Lugo.

EN CURTO: Paseo dominical

Xentrificación.

Guido Álvarez cre que o retraso co que Lugo entrou no circuito turístico pode ter a desvantaxe de que non se aproveita todo o seu potencial pero tamén o beneficio de aproveitarse das experiencias alleas. Precisamente ve compricado que o casco histórico se convirta nunha zona de concentración de apartamentos turísticos e locais xentrificados como si ocorreu noutros lugares. Está convencido de que chegar tarde permitirá facer un deseño máis estratéxico da política turística.

Seguimento.

Di que se percatou de que o seguen moitos lucenses que viven fóra de Lugo, un grupo de “morriñentos” que volven á súa infancia ou xuventude a través das súas imaxes.

Ruta fotográfica.

Sae a miúdo a pasear co seu pai e, durante eses paseos, fai fotos. Estas imaxes gustan tanto que moitos comezaron a interesarse polas súas rutas exactas. Así comezou a propoñer paseos a través dun grupo de Whatsapp. Teñen lugar todos os domingos.

Advertisements