#LugoPatrimonioMundial corre como a pólvora polas redes sociais

Artigo publicado no diario El Progreso o 19 de febreiro do 2019

A iniciativa de Guido Álvarez Parga recibiu apoios de deportistas, artistas e políticos.

Héctor Cobo / Arsenio Coto

Cando o proxecto do Concello aínda está en pañais, o guía turístico e turismólogo Guido Álvarez Parga quixo aportar o seu gran de area para que toda a cidade, e non só o recinto histórico como postula o goberno local, sexa declarada ben Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

A súa campaña, baixo o hashtag #LugoPatrimonioMundial, xa recabou centos de apoios nas redes sociais dende que a puxo en marcha con modestia o pasado mércores.

Entre esas adhesións figuran, por agora, políticos coma o exalcalde de San Sebastián Odón Elorza, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; artistas como a cantante eurovisiva Lucía Pérez; deportistas coma o presidente da Asociación de Baloncestistas Profesionais, Alfonso Reyes, o que tamén fora xogador do Breogán José Miguel Antúnez ou o actual capitán do equipo lucense, Salva Arco, e coñecidas caras da televisión como o home do tempo de TVE Martín Barreiro.

O promotor desta iniciativa explica que xurdiu a raíz de que “o ultimo mes lin novas sobre a posibilidade de que Lugo se candidatase como Cidade Patrmionio da Humanidade e este pareceume un bo modo de alimentar o debate e potencialo”.

A alcaldesa Lara Méndez anunciou no debate sobre o estado do Concello, o pasado mes de decembro, que a capital lucense iba presentar a súa candidatura para que o recoñecemento co que xa contan a muralla romana, a catedral e o Camiño Primitivo se extendan a todo o recinto histórico.

Guido Álvarez, que é moi activo en redes sociais, considera que esta campaña é “un bo xeito de axudar a quen desenvolva a candidatura”. Cree ademais que pode servir para propoñer unha relación de lugares de cidade, non só de intramuros, que se podan incluir no proxecto.

“É un xeito de involucrar á sociedade”, afirma este guía turístico, que dispón ademais dun máster en xestión de paisaxes culturais.

Ademais de lanzar a campaña, Guido Álvarez convida a persoas nacidas en Lugo ou con vínculos familiares ou profeionais coa cidade para que se sumen.

VIRAL. Esta iniciativa volveuse viral nos seus poucos días de vida, ata o punto de que a pasada fin de semana foi un dos hashtags máis empregados no norte da península, segundo o explorador de tendencias en Twitter Trendsmap.

Este guía turístico e turismólogo asegura que é “un convencido de que a promoción do turismo e dos valores patrimoniais, culturais e naturais non só benefician económicamente aos lugares, senón que tamén inciden na sociedade local, na súa autoestima e identidade”